A lentitude burocrática pon en perigo un proxecto europeo de 6,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O pleno da Deputación de Pontevedra viviu este venres un singular tirón de orellas, protagonizado polos tres grupos políticos.
Os destinatarios deste cabreo compartido foron os funcionarios da administración provincial e o motivo foron os máis de tres anos de lentitude burocrática para tramitar un proxecto, chamado DepoGap, que agora se debe executar en apenas seis meses. Están en xogo 6,5 millóns de euros financiados ao 70% pola Unión Europea.
Por unanimidade, Partido Popular, PSOE e BNG, adxudicaron o contrato a unha unión temporal de empresas formada por Indra, Altia e R, pero no libro de actas da sesión plenaria constará tamén a rifa dirixida aos traballadores da administración provincial.
O voceiro do BNG, César Mosquera preguntou que pasou para tardar máis de tres anos nesta tramitación e que agora só queden 6 meses para executalo, un prazo que de incumprirse faría perder o investimento. O presidente da Deputación, Rafael Louzán dixo "compartir o cabreo" e deu a razón ao nacionalista aínda que non deu explicacións sobre esta tardanza.
DepoGap é un programa co que se pretende auditar o consumo de enerxía dos concellos para poder definir logo probas piloto de eficiencia enerxética. Para iso monitorizaranse todos os datos que producen os concellos da provincia no seu funcionamento diario xerando unha valiosa información que permitirá mellorar a súa xestión e ser máis sostible.
O proxecto é moi laborioso xa que, só na primeira fase haberá que inventariar en sesenta concellos todos os edificios administrativos, iluminación pública, edificios culturais e cívicos, redes eléctricas, centros sanitarios, redes de gas, centros docentes, redes de telecomunicacións, centros asistenciais, vertedoiros e puntos limpos, tanatorios, cemiterios, vehículos, matadoiros, parques, instalacións deportivas, mobiliario urbano, redes de abastecemento e saneamento, bens mobles históricos, estacións de tratamento de auga potable, depuradoras de augas residuais e créditos e dereitos persoais a favor dos concellos.
Na segunda fase, crearase unha plataforma tecnolóxica aberta aos cidadáns que permita xestionar todos os datos de forma unificada.
Todo iso haberá que poñelo en marcha en seis meses.
Relacionadas:
-
Duro golpe á Deputación: perden 10 millóns da UE por "graves irregularidades" do goberno de Louzán
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 200 fogares pontevedreses xa recibiron o seu kit de eficiencia enerxética
Por Redacción |
-
Os veciños poderán participar na xestión municipal a través dunha nova plataforma informática
Por Oskar Viéitez |