O CEIP Carballal realiza unha carreira solidaria para recadar cartos para os rapaces de Mali
Por Redacción
O mal tempo obrigou a que as actividades previstas con motivo da celebración do Día da Paz tivesen que atrasarse unha semana no Colexio de Primaria Carballal de Marín e durante este venres 6 alumnos e profesorados realizaron varias actividades solidarias para conmemorar esta festividade.
Os estudantes e os docentes realizaron unha carreira solidaria para recadar diñeiro que irá destinado aos nenos de Mali a través da organización Save the Chrildren. Tanto os máis pequenos coma os adultos completaron os seus percorridos tanto correndo coma andando e agora solicitarán aos patrocinadores que contribúan coas cantidades prometidas para realizar o xesto de solidariedade.
Ademais, os nenos dende os 3 anos ata sexto de Primaria construíron un muro de tetrabriks no que instalaron carteis con todas aquelas cousas que desexaban que desaparecesen do seu mundo. Desta forma recolléronse peticións para eliminar a pelexas, a pobreza ou os insultos.
Os muros foron derrubados como acción simbólica que reflicta a esperanza de que nun futuro próximo os nenos non teñan que enfrontarse a todo aquilo que lles produce rexeitamento.
A xornada finalizou cunha sesión de cantos e bailes con todos os alumnos unidos polas mans no patio do centro.