A Marcha Mundial das mulleres reclama a Louzán que alonxe ao presidente do Leis das xogadoras
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O xulgado de instrución de Pontevedra arquivou o caso contra José Antonio Nieto, presidente do club Leis 26, durante o mes de xaneiro tras a denuncia de varias xogadoras nas que se acusaba ao máximo dirixente do equipo de fútbol sala de tratar as xogadoras de forma denigrante e vexatoria enviándoos durante a noite mensaxes, que segundo as denunciantes, eran de contido sexual.
A decisión de arquivar o caso ao entender o xuíz que non existía un delito contra a integridade levou consigo que a Fiscalía de Pontevedra recurrira esta decisión e que agora o colectivo da Marcha Mundial das Mulleres inicie unha campaña na que esixe nas institucións e organismos deportivos a investigación do caso reclamando a sanción e a dimisión do presidente do club.
Na mañá deste venres 6, varias representantes da Marcha Mundial das Mulleres acompañadas polo ex adestrador do club e familiares das xogadoras presentáronse no pleno da Deputación Provincial para reclamar de Rafael Louzán, como presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, que tome as medidas oportunas en relación con este caso. Mostraron carteis nos que se lía "O acoso non é gracioso" coa imaxe de José Antonio Nieto. A portavoz do colectivo, Victoria Iglesias, indica que aínda que a xustiza non considere delito este tipo de comportamentos, as institucións e a sociedade poden deixar sen sanción este tipo de condutas para evitar o acoso cara ás mozas deportistas.
Durante o pleno, a deputada do BNG, Iolanda Veloso, preguntou sobre o tema e a continuación, as representantes da Marcha Mundial das Mulleres reuníronse con Rafael Louzán para trasladarlle as súas demandas. O presidente da Deputación indicou que "se vir a Deputación serve de caixa de resonancia, benvida sexa. Aínda que é algo que non nos atinxe".
Segundo denuncian dende o colectivo, doce xogadoras do club como consecuencia das denuncias víronse apartadas do equipo sen posibilidade de xogar. Representantes da Marcha Mundial das Mulleres manterán unha entrevista na Consellería de Igualdade de la Xunta e anunciaron que o Consello municipal da Muller de Pontevedra tamén realizará unha reclamación institucional.
As deputadas do BNG, Carme Adán e Tareixa Paz, presentaron tamén preguntas parlamentarias no Parlamento de Galicia nas que piden ao Goberno autonómico unha explicación sobre se se ten coñecemento do trato vexatorio sufrido polas mozas e que medidas se adoptaron.
Relacionadas:
-
As ex-xogadoras do Leis presentan recurso ante o arquivo da denuncia contra o presidente do club
Por Diego Espiño |
-
A Audiencia estima o recurso das xogadoras do Leis e ordena tramitar a denuncia contra o seu presidente
Por Redacción |
-
O Leis defende que dará a baixa ás futbolistas apartadas cando "realicen a devolución do material propiedade do club"
Por Redacción |
-
Non admiten a trámite a denuncia de tres xogadoras do Leis feminino contra o seu presidente
Por Alejandro Espiño |
-
Xogadores, directivos e adestradores do Leis pechan filas arredor do seu presidente
Por Redacción |
-
Acusan o presidente do Leis de buscar "algo más" que unha relación "normal" con algunhas xogadoras
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |