César Abal: "O milagre dos pans e os peixes chegou ao Concello de Pontevedra"
Por Redacción
O grupo municipal do PP de Pontevedra saiu este venres ao paso dos datos aportados nas últimas horas polo concelleiro de Facenda, Raimundo González, ao asegurar que Pontevedra pechou 2014 cun superávit de 2,36 millóns de euros no seu orzamento. Os 'populares' lamentan a "falta de seriedade" que amosa o Goberno facendo este anuncio.
O concelleiro do PP César Abal analizou os datos aportados por Raimundo González e concluiu que "non son cribles", senón que "amosan novamente a incoherencia" coa que traballa o Goberno local nos últimos anos. "O milagre dos pans e os peixes chega ao Concello de Pontevedra", valorou o 'popular' ao tempo que esixe ao Executivo que informe en que obras e proxectos foron empregados os 17 millóns de euros que afirman ter investido no último ano.
"Sen dúbida algunha, Lores e o seu equipo acaban de presentar unhas contas electoralistas"
O Goberno local anunciou unha subida de 7 a 11,2 millóns de euros nas contas para 2015, pero ao PP chámalle a atención que presentan uns resultados nos que aseguran que as inversións no 2014 foron de 17 millóns de euros. Para o concelleiro do Partido Popular, "sen dúbida algunha, Lores e o seu equipo acaban de presentar unhas contas electoralistas que para nada poden ser tomadas en serio".
Ademais, en opinión do PP, un superávit de 2,36 millóns de euros como o que presume o Goberno local significa que o Concello deixou de inverter cartos na cidade pese a ser o que ten menor gasto social por habitante de España xunto con Teruel e a que "aínda hoxe, miles de pontevedreses seguen sen contar con servizos básicos como o saneamento".
Dende o Partido Popular lembran tamén que no ano 2012 o Ministerio de Facenda tivo que corrixir ao Goberno de Lores despois de que este anunciase un superávit de 200.000 euros. Finalmente, Pontevedra foi a única cidade galega que tivo déficit aquel ano, concretamente por unha contía de 400.000 euros.