O Salón de oportunidades 'Stock Pontevedra' agarda superar as 20.000 visitas esta fin de semana
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Recinto Feiral de Pontevedra volve converterse dende este venres 6 ata o domingo 8 no lugar idóneo para encontrar produtos a moi bo prezo. O Salón de oportunidades Stock Pontevedra 2015 conta con case sesenta expositores que ocupan todo o espazo previsto para esta mostra, máis de 4.500 metros coas mellores oportunidades en téxtil con moda de home, muller, nenos, lenzaría, calzado, peletarías, óptica, ademais de alimentación, confección, decoración ou material de cociña.
Este mediodía, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e representantes do Centro Comercial Urbano Zona Monumental co presidente Miguel Lago á cabeza percorreron o Salón para inaugurar a edición deste ano en que, entre milleiros de produtos, poden atoparse botas de pel a 60 euros, parcas a 49 ou camisas a 15 euros.
Miguel Lago sinalou que este evento serve para "liquidar o stock, quitar o almacén e facer metálico por parte dos empresarios" e mostrou a súa satisfacción porque se ocupou o 100% do espazo previsto para os expositores na instalación, mellorando a previsión inicial. "Este ano será máis aínda, con máis xénero que nunca e as rebaixas están a funcionar mellor e hai variedade", indicou o presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
A xerente da asociación, Mónica Tomé, destacou a presenza dos preto de 60 expositores coa presenza dun servizo de gardaría e de cafetaría. E apuntou que en 2014 se superaron os 19.000 visitantes e este ano espérase que se produza unha maior afluencia de público. As entradas para acceder ao Recinto Feiral volven ter un prezo de 1,50 euros, con acceso libre para menores de 12 anos. Ese diñeiro destínase a afrontar os gastos de organización que leva consigo este evento que superan os 40.000 euros e para o que se contratan cinco persoas de xeito directo ademais dos servizos de seguridade e de limpeza.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra destacou que "a Feira cada vez conta con máis expositores. Moita xente ven a comprar e dá saída a certos produtos que están máis rebaixados". Fernández Lores indicou que se encontran "gangas e cousas que se necesitan" a bo prezo e por iso se achegan visitantes de toda a bisbarra que xeran unha actividade económica porque ademais aproveitan para visitar a cidade.
O horario para visitar Stock Pontevedra é de 11.00 a 21.00 horas durante os tres días que permanecerá aberto o Salón.
Relacionadas:
-
Conta atrás para Stock Pontevedra, cos últimos stands aínda dispoñibles
Por Redacción |
-
Novo éxito de Stock Pontevedra: máis de 18.000 persoas en tres días
Por Diego Torrado & Alejandro Espiño |
-
Os 'stocks' volven do 6 ao 8 de febreiro
Por Redacción |
-
Stock Pontevedra fai un exitoso balance de público e de vendas
Por Oskar Viéitez |
-
Stock Pontevedra, máis barato que na Teletenda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |