Pontevedra acollerá o primeiro festival universitario de publicidade de Galicia
Por Redacción
A asociación We Are Ads (WAA) que reune estudantes da Universidade de Vigo está a organizar o primeiro festival universitario de publicidade de Galicia, no que se mestura o mundo académico co profesional.
Con tal motivo organizaron unha serie de charlas e talleres, ademais da gala WAA na que se entregarán premios aos participantes. Serán os días 2, 3, 4 e 5 de marzo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
Segundo afirman os organizadores nun comunicado, o seu obxectivo é "mostrar o traballo realizado polo alumnado fóra dun ámbito estritamente académico e que sexa valorado por un xurado profesional do sector".
Durante "A Semana da Publicidade", do 2 ao 5 de marzo, preténdese achegar o alumnado a "experiencias laborais reais e perder así o medo ao mundo exterior".
O xoves 5 de marzo, levarase a cabo unha gala aberta ao público na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ás 19:00 horas, onde o xurado entregará os premios aos gañadores de cada categoría.
O programa do festival finaliza o venres 6 cunha exposición de todos os traballos presentados no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Ademais este mesmo día entregaranse os premios aos finalistas do festival.