Catro mozos sentan no banco dos acusados por mercar cocaína en Vilagarcía para vendela na Coruña
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra acolleu un xuízo sobre un delito contra a saúde pública cuxos feitos se remontan ao ano 2006. O fiscal acusa a dous coruñeses, Alejandro P. e Antonio B., de ter comprado cocaína a Rubén F. en Vilagarcía de Arousa para despois vendela. Un cuarto novo, Xoán F., está acusado de gardar a droga en Palavea (A Coruña). A intervención fora realizada pola Garda Civil a través dun operativo de escoitas telefónicas.
Alejandro P. e Rubén F. recoñeceron ante a xuíza que realizaran a operación de compra-venda e o fiscal modificou a petición de prisión de 5 a 3 anos para ambos os dous. Non obstante, Antonio B. negouse a recoñecer a súa implicación nos feitos. O acusado mantén a versión de que o día da detención acompañaba nun coche como copiloto a Alejandro P. por Vilagarcía porque lle dixo que ían "tomar marisco". Ambos os dous dirixíronse a un local onde viu como a Alejandro o entregaban un paquete. Non obstante, Antonio sinalou no xuízo que descoñecía o seu contido. Negou tamén que, cando circulaban de volta cara Á Coruña, tivese coñecemento de que Rubén F., o presunto vendedor, viaxaba con antelación para avisalos en caso de que detectase algún control policial na autoestrada.
O vehículo no que viaxaban Alejandro e Antonio foi detido na peaxe de Santiago pola Garda Civil. Os axentes que interviñeron na operación declararon mediante videoconferencia que o paquete de cocaína de 682 gramos se encontraba dentro da bolsa dunha tenda sobre a alfombra do copiloto a pesar de que o informe elaborado pola propia Garda Civil, por erro, sinalaba que se localizara baixo o asento do condutor. Ademais, apuntaron que Antonio mostraba unha actitude que facía sospeitar que coñecía cal era o contido do paquete. O acusado, pola súa banda, mantivo que o paquete ía debaixo do asento de Alejandro, quen conducía o turismo. Ambos foron advertidos pola xuíza debido ao cruzamento de comentarios e de miradas que mantiñan durante a vista oral e un axente da policía nacional tivo que sentarse entre os dous imputados.
Xoán F. recoñeceu tamén ante o tribunal que gardaba a droga e que foi colaborador neste delito contra a saúde pública alegando que naquel momento era drogodependente e que buscaba calquera fórmula para poder obter diñeiro.
O fiscal mantén a petición de cinco anos de prisión e unha multa de 24.000 euros para Xoán F. Mantiene eses mesmos anos de cárcere para Antonio B. e rebaixa a petición a tres anos para Alejandro P e para Rubén F., acusados tamén da operación de compra-venda, cun pagamento de multa de 200.000 euros. Ademais, o caso tamén contempla como responsables civís as parellas de dous dos acusados por ser propietarias dos vehículos empregados para cometer a actividade delituosa.