Os afectados polo catastrazo reclaman agora ao Catastro que axuste os mapas á realidade de Sanxenxo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A plataforma veciñal de Sanxenxo, que encabeza as protestas contra o denominado 'catastrazo' do municipio, trasladou este venres as súas protestas ao centro de Pontevedra. Ante a sede da Dirección Xeral do Catastro, protestaron ao berro de "eles a cobrar, nós a traballar".
A presidenta do colectivo, Mari Carmen Camiña Vázquez, explicou que esta concentración de protesta se trasladou a Pontevedra para entregar un escrito por rexistro solicitando da Dirección Xeral do Catrastro "que axusten o mapa catastral á realidade e non a un proxecto que non puido realizarse".
Ao respecto, explica que nos mapas catastrais de Sanxenxo aparecen unha serie de erros que implican "ter que pagar por unhas comodidades, infraestruturas e dotacións que non temos". Entenden que é algo "contrario á lei e a todo sentido común" que ten a súa orixe en que o PXON do ano 2003 polo que se rexeu o Catastro para facer os planos e a cartografía "non se axusta á realidade".
Mari Carmen Camiña engade que existen máis irregularidades detectadas polos propietarios de terreos limítrofes co Concello de Meaño que desapareceron do mapa dende o ano 2009 e adianta que o próximo paso a dar polos afectados é poñer a situación en coñecemento do Valedor do Pobo e o Defensor del Pueblo e solicitar " o seu apoio, así como unha solución".
Recorda a voceira veciñal que o 3 de xaneiro fixeron unha manifestación en Sanxenxo na que entregaron ao Concello 1.172 firmas para que a Administración local "axuste o imposto á realidade económica das persoas". Entre as súas peticións está a petición de "bonificacións especiais" e que "non é o mesmo a carga que ten que soportar unha familia que ten ingresos altos que unha que ten ingresos baixos" e é obriga do Concello telo en conta.
Relacionadas:
-
A Plataforma Veciñal Sanxenxo continúa reclamando a Gonzalo Pita que solvente o "catastrazo"
Por Redacción |
-
A Plataforma veciñal de Sanxenxo concentrarase ante as oficinas do Catastro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños espera un resposta do goberno local despois da manifestación contra o 'catastrazo'
Por Redacción |
-
O Concello promove unha revisión catastral co obxectivo de rebaixar o IBI
Por Redacción |