Médicos e doentes piden á Sanidade que dispense os tratamentos de Hepatite C solicitados polos especialistas
Por Redacción
Os portavoces da Plataforma Galega de afectados pola Hepatite C e o Colexio de Médicos de Pontevedra mantiveron unha xuntanza de traballo na que decidiron solicitar á Administración que dispense sen máis dilación os tratamentos con antivirais de acción directa de segunda xeración, seguindo os criterios establecidos polas sociedades científicas.
Os integrantes da plataforma e do colexio amósanse preocupados porque non se teña consignado aínda unha partida específica para os tratamentos e que haxa que agardar ao Plan Estratéxico Nacional como se indica dende o Ministerio de Sanidade. Segundo estes organismos, a creación de comisións e subcomisións encargadas de avaliar as pautas establecidas polos médicos poden supoñer atrasos no acceso aos tratamentos co "conseguinte prexuízo para determinados grupos de doentes en situación clínica grave e con progresión día a día da enfermidade".
Ante esta situación, os representantes dos afectados e o Colexio de Médicos reclaman á Consellería de Sanidade que se faga público un informe sobre o número de tratamentos solicitados, a cantos contestou a Comisión Automática de Farmacia e Terapéutica, e cantos se levan dispensado. Ademais solicitan información sobre os integrantes da subcomisión para o tratamento desta patoloxía e que depende da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.
Segundo os datos da plataforma, en Galicia dispensáronse ata o dagora 90 tratamentos con antivirais de acción directa de segunda xeración, maioritariamente a doentes en estado METAVIR F4 con cirrose hepática. A plataforma alerta de que na comunidade galega na poboación afectada hai entre un 1 e un 2% entre os que os casos máis graves, xa identificados, necesitan tratamento inmediato.