Tres colexios do rural pontevedrés exportan galego a Europa
Por Redacción
68 alumnos dos colexios de Xeve, Lérez e Campañó de quinto e sexto de Primaria participarán dende mañá nunha nova experiencia para o fomento da lingua galega en diferentes puntos de Europa a través de conversas e narracións multimedia con universitarios que estudan lingua galega nas Universidades de Birmingham, Varsovia, Zadar, Berlín, Cork, Helsinki e Oxford.
As distintas actividades que se desenvolven neste programa impulsarán o galego como lingua de comunicación entre o alumnado co obxectivo de poñer en valor a lingua galega como lingua de comunicación. Segundo os profesores participantes neste proxecto o máis importante neste traballo encóntrase na "creación de contidos para as tecnoloxías", ademais de impulsar a normalización lingüística.
O poeta e filólogo pontevedrés Isaac Xubín será o encargado de coordinar o proxecto durante este curso. O inicio da actividade será este xoves 29 de xaneiro cunha primeira conexión con Oxford, que contará coa presentación do proxecto e da plataforma de comunicación cun vídeo inicial.
Elaborarase un blog didáctico como ferramenta de traballo con contidos que recollan propostas creativas galegas e converterase no elemento vertebrador de toda a acción educativa e axudará a establecer un diálogo continuo entre docentes e alumnos. Poderase seguir a partir deste xoves en ponteaeuropa.gal. Tamén se realizará un documental sobre este proceso e a intención, segundo sinalou o concelleiro Demetrio Gómez, é que dentro de oito meses haxa un encontro entre os participantes.