A familia do narco Roberto Leiro intenta desvincular os seus ingresos irregulares do tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este xoves a Audiencia provincial de Pontevedra retomou o xuízo que se segue na Sección cuarta por un caso de branqueo de capitais procedentes da droga, no que están acusados o narcotraficante Roberto Leiro e outros sete membros da súa familia.
O fiscal Antigroga, Luis Uriarte, repasou a actividade económica de cada un dos procesados, con multitude de ingresos e operacións sen xustificar ante a Facenda Pública, un aspecto que recoñeceron os acusados que sempre trataron de desvincular este diñeiro irregular das dúas operacións de tráfico de drogas polas que foi condenado o cabeza de familia.
O carácter "muy ahorrador" dos acusados, a falta dunha contabilidade clara, a ausencia de documentos xustificativos ou, mesmo, a manipulación dalgunhas escrituras públicas, foron as respostas que a esposa de Roberto Leiro, a súa filla, os seus sogros e cuñados deron ante o tribunal.
ÿ o caso da filla do acusado, Nuria L.S. que como levaba traballando dende os 15 anos na tenda da súa nai, se "esqueceu" de oficializar o seu contrato cando cumpriu a maioría de idade, tamén recibiu "como regalo" un coche modelo Audi A3 cando aínda non tiña carné de conducir.
Igualmente o sogro de Roberto Leiro, que dixo "non saber ler nin escribir", foi incapaz de recoñecer a súa sinatura nunha escritura pública da que dixo non se acordar e xustificou, entre outros gastos importantes, o aboamento de fianzas no diñeiro da súa pensión, nos aforros do seu traballo na emigración en Bélxica, ou algunhas vendas de viño albariño.
A vista retomarase a próxima semana, para a que están previstas dúas novas xornadas de xuízo.