O Xulgado do Social número 2 de Pontevedra declara legal a folga de Lantero
Por Redacción
Os traballadores da empresa cartoneira de Lantero recibiron con satisfacción a noticia da súa primeira vitoria xudicial unha vez que o Xulgado do Social número 2 de Pontevedra rexeitou a demanda presentada pola empresa contra a folga que hai máis de 100 días iniciaron os empregados ante a decisión da dirección de despedir 56 traballadores, 48 deles no primeiro trimestre deste ano. Por tanto, o tribunal de primera instancia considera legal o paro e agora cabe a posibilidade de que a empresa presente recurso.
Esta decisión tamén supón un revés para a empresa que anunciara o despedimento dos 11 integrantes do comité de folga se o paro se declaraba ilegal polos tribunais de xustiza.
Ante esta situación, dende os sindicatos reclámase a readmisión dos 48 traballadores cesados dos seus postos.
Os traballadores de Lantero asistiron e interviñeron durante a mañá deste mércores 21 no pleno municipal de Vilagarcía. Esquerda Unida presentou unha moción que foi aprobada por unanimidade na que se reclama á empresa que retome a negociación cos traballadores para evitar que o conflito se resolva xudicialmente e para que non se recualifiquen os terreos de Lantero na rúa Rosalía de Castro.