O Concello rexeita rebaixar o recibo do lixo e recórdalle ao PP que foi a Xunta quen obrigou a subilo
Por Alejandro Espiño
Apenas media hora durou o Pleno de xaneiro da corporación municipal de Pontevedra. Tratouse dunha sesión sen apenas contidos -para non embazar a posterior entrega dos premios Cidade de Pontevedra- e que se resolveu segundo o guión previsto. Só un punto da orde do día foi debatido: a moción do Partido Popular para que o Concello rebaixase o recibo do lixo, tras a redución dun 10% do canon que Sogama cobra aos concellos.
Tras ratificar por unanimidade o nome dos premiados nos Cidade de Pontevedra e aprobar a suba da tarifa de taxis para 2015, tomou a palabra o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira. Explicou que a súa era unha proposta "lóxica, de sentido común e de xustiza", xa que afirmou que se a empresa reduce o custo que este servizo ten para o Concello, "o normal é que se reduza o que se lle cobra aos veciños".
Moreira, que cualificou esta decisión como o "tasazo de Lores", afirmou que a suba realizada o pasado ano por Sogama, dun 34%, que supuxo doce euros ao ano a cada fogar pontevedrés, significa que o Concello de Pontevedra repercutiu aos usuarios un 92,4% do aumento do canon e que o goberno municipal só se fixo cargo do 7,6% restante. En total, sinalou, uns 575.000 euros que pediu saber a que se destinaron "porque non se ingresaron en Sogama".
O primeiro en contestarlle foi o concelleiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández. Pediulle ao voceiro popular que tivera "algo máis de criterio", porque lle recordou que o aumento do canon de Sogama "foi cousa do PP" e, por conseguinte, o recibo de lixos se subiu "porque así o impuxo o PP". E nese momento, recordou, os concelleiros populares defenderon a devandita suba e votaron en contra de senllas mocións que pedían rectificar a devandita decisión.
Neste mesmo sentido, Raimundo González celebrou que o PP recoñeza que a suba de Sogama foi "abusiva". Explicou que a pesar dos doce euros máis ao ano, o servizo segue sendo deficitario e "malamente cobre o seu custo", que é asumido polo Concello. Ademais, recordou que na devandita taxa se inclúe a renovación de colectores, a recollida de cartón e vidro porta a porta, a xestión do punto limpo ou a recollida de voluminosos.
Ademais, con respecto á petición do grupo municipal popular, o concelleiro de Facenda apuntou que ningún concello da bisbarra de Pontevedra, tampouco os gobernados polo PP, rebaixou o recibo deste servizo -citou concretamente o caso de Ponte Caldelas- a pesar de subilo aínda máis que en Pontevedra, polo que "sorprende que o pidan aquí". Unha cuestión pola que o BNG lles pediu un "pelín de coherencia".
A moción do PP foi rexeitada, finalmente, cos votos de BNG e PSdeG-PSOE. A concelleira non adscrita, María Biempica, abstívose na votación.