Universitarios pontevedreses promoven o uso das redes sociais no ámbito do ensino
Por Redacción
Pese a que internet e as redes sociais son na actualidade elementos case que omnipresentes na vida do alumnado, este non contempla a día de hoxe o uso destes recursos como unha ferramenta didáctica que, no caso de boa parte do estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, podería resultarlles moi útil no seu futuro profesional como docentes.
Coa idea de cambiar esa concepción e fomentar a implantación de novas metodoloxías, sete profesores desta facultade desenvolven no presente curso un proxecto de innovación educativa que trata de promover o uso das redes sociais como ferramentas para a aprendizaxe.
A través do desenvolvemento, grazas á colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dunha contorna virtual de aprendizaxe na rede, dentro da que se integra unha rede social, este proxecto pretende que os estudantes "estean utilizando en todo momento as TIC para realizar as aprendizaxes propias da materia a través das actividades propostas, xa que isto é algo que eles poderán usar no futuro como docentes", resalta a directora deste proxecto, María Álvarez Lires.
Xunto a esta profesora, os docentes Antonia Blanco, Uxío Pérez, Azucena Arias, Xabier Álvarez Lirés, Francisco Serrallé e María Mercedes Varela participan nunha iniciativa impulsada desde o grupo de investigación DE05 Ciencia, Filosofía, Xénero e Educación e que abrangue sete materias dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, cursadas por preto de 500 alumnos.