Os traballadores de Lantero suman 100 días de folga e solicitan aportacións solidarias
Por Redacción
Os traballadores da fábrica de Lantero de Vilagarcía iniciaban unha folga o 13 de outubro de 2014 ante o anuncio de despedimento por parte da empresa para unha gran parte do persoal. Xa pasaron 100 días e os traballadores continúan coa folga. Mantéñense ás portas da nave facendo garda durante as 24 horas do día.
48 dos 131 traballadores xa recibiron as cartas de despedimento. A empresa xustifica a decisión na externalización dos servizos como fórmula para mellorar os beneficios da entidade.
Dende o comité de empresa seguen entendendo que o ERE imposto pola empresa non era necesario e que con esta decisión só se buscaba abaratar os custos que supón o mantemento dos actuais traballadores. O ERE foi impugnado polos representantes dos traballadores no xulgado.
Este mércores 21, o persoal de Lantero trasladará a súa protesta ao pleno da corporación de Vilagarcía. Os traballadores tamén iniciaron unha campaña, a través das redes sociais, reclamando achegas solidarias para axudarlles nesta campaña en defensa dos seus postos de traballo.