O BNG de Marín denuncia o incumprimento do Plan de Emprego Municipal
Por Redacción
O Bloque Nacionalista Galego de Marín denunciou o incumprimento, por parte do goberno local do PP, do Plan de Emprego Municipal aprobado, hai agora un ano, polo Pleno da Corporación Municipal a proposta dunha moción do BNG.
"O PP inviabilizou o Plan de Emprego até o punto de que dos 120.000 euros que finalmente admitiu reservar no orzamento municipal do ano 2014 para contratación de persoal, non se gastou nin un euro. O PP foi incapaz de xerar unha soa praza de emprego público", afirmou o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.
Segundo os nacionalistas, a limpeza de praias e de camiños e a poda de árbores realizouse a base de contratación privada a empresas de fóra de Marín, incumprindo o acordado, é dicir, que o concello contrataría directamente a persoas desempregadas para facer ese tipo de traballos.
Dende o BNG sinalan que outro tanto sucede co viveiro de empresas aprobado na moción. O goberno municipal cedeu o local do Parque Azul do Cantodarea á Autoridade Portuaria para abrir un viveiro de empresas ligado ao Porto, ainda que "a día de hoxe non hai nada de nada a pesar de que o convenio foi asinado en maio do ano pasado", afirma.
"A desidia é tal que o edil de Facenda, Santos Costas, que preside a mesa de traballo creada para impulsar o plan, non se reune dende hai meses a pesar das reiteradas solicitudes de convocatoria por parte do BNG e demais grupos da oposición", segundo oas nacionalistas.
O BNG lembra que os últimos datos de taxa de emprego son "demoledores para Marín", con máis de 3.000 persoas desempregadas.
"Estamos ante un goberno inútil para Marín, sen ideas e sen iniciativa, que pensa que cambiar catro baldosas nas mesmas rúas de sempre vai solucionar o problema mais acuciante da nosa vila: a perda continúa de actividade e de postos de traballo. Un goberno incapaz incluso de levar á práctica as ideas, aínda cando outros llas poñemos en bandexa enriba da mesa", finaliza Vilaboa Ramos.