"Non me gusta que poñan paus nas rodas á planta de compost. Pero o proxecto vai para adiante de todas todas"
Apenas faltan catro meses para que remate un mandato no que Miguel Anxo Fernández Lores e o seu equipo celebran ter afianzado o modelo urbano de Pontevedra, referendado por numerosos premios e recoñecementos nacionais e internacionais. Pero non todo foron boas noticias. Unha maior tensión cos seus socios de goberno, varias sentencias xudiciais en contra ou conflitos con varios colectivos chegaron a embazar o traballo municipal.
Nesta entrevista -realizada antes de coñecer que A Canicouva é o lugar escollido para a planta de compostaxe-, o alcalde de Pontevedra fai un repaso por esas cuestións. Con todo, cre que o BNG está no seu mellor momento. Non quere falar da posibilidade de alcanzar a desexada maioría absoluta, aínda que ao seu arredor moitos aseguran que ese escenario é probable. Sexa como sexa, insiste, seguirá traballando por Pontevedra "sexamos un ou vintecinco".
Leva vostede -e o BNG- quince anos na alcaldía de Pontevedra. Aínda así cre que están nunha época doce?
Eu creo que si. Xa se percibe por moita xente un modelo alternativo de cidade que aposta pola convivencia, un modelo distinto e envexado no bo sentido da palabra. ÿ certo que me resulta difícil ser obxectivo. Se falas dun fillo que tes, non o es. E se falas da túa cidade, tampouco. Procuro selo, pero canto máis comparas máis orgulloso me sinto da cidade que estamos facendo entre todos. Pontevedra é unha vila distinta, cohesionada socialmente, solidaria, amable e cun alto nivel de respecto polos espazos públicos e polos demais.
A situación económica é complicada, pero aquí pagamos como temos que pagar. Estamos saneados e sabemos o que queremos. Estamos nun momento no que coñecemos perfectamente a maquinaria municipal, cales son as nosos posibilidades, como poder sacar máis rendibilidade aos cartos públicos Estamos posicionados nuns parámetros de calidade urbana que non teñen outras cidades e somos un referente como cidade alternativa en mobilidade.
E seguindo esa visión, que quedaría por facer?
Eu creo que, se seguimos facendo ben as cousas, estamos en condicións de dar un salto adiante. Temos capacidade para movernos e investimos cada ano entre 10 e 15 millóns de euros. Pero para os próximos anos queremos facer fincapé na proxección exterior da cidade e no retorno económico dese esforzo, nos eventos deportivos o en aumentar a calidade urbana nas zonas ás que aínda non chegamos.
"Pontevedra é unha cidade atractiva para vivir e traballar. Que non somos unha cidade industrial? Non o fomos nunca"
Algo estaremos facendo ben cando somos a única cidade galega que crece nun momento no que a xente se está marchando para fóra, que se reduce a inmigración Pontevedra é unha cidade atractiva para vivir e traballar. Que non somos unha cidade industrial? Non o fomos nunca. Pero temos O Campiño practicamente cheo, temos polígonos como A Reigosa ou Barro a moi poucos quilómetros Iso si, non podemos durmir. Temos que seguir traballando para mellorar as cousas.
Falaba vostede dese modelo urbano, cre que os cidadáns o entenden por fin e asumen as obras que se fan?
Houbo decisións que se tomaron que non foron ben recibidas, pero que agora vendo o modelo final si que o entenden. E iso que non está rematado. Quedan moitas cousas por facer, especialmente no centro histórico ou nas rúas do extrarradio. Unha cidade se constrúe todos os días. A xente confía en nós, temos credibilidade despois de anos de ir facendo as cousas con sentido, aínda que é certo que nos equivocamos algunha vez. Hai unha certa comuñón da xente cun modelo integral e premiado. Está ocorrendo nos barrios e parroquias, nas que nos piden que tamén actuemos alí. Outra cousa é que cheguemos ao mesmo nivel. Iso é imposible.
Aínda así hai certos colectivos -plataforma NON Crematorios, Salvemos a Fracha...- que se queixan de que non son escoitados polo goberno municipal
Hai colectivos que demandan certas cuestións puntuais ou específicas nas que, estando en todo o seu dereito de demandalas, a posición global do goberno non coincide coa súa. Recíbelos moi amablemente, explícallelo, pero se non o entenden non vamos a estar explicando continuamente o mesmo. O que se produce entón é un intento de proxección mediática, de maneira que o seu problema transcenda. Se se reúnen co alcalde conséguena. Hai cousas que se non se entenden, non hai que facer.
Tampouco parece haber moita sintonía ultimamente cos seus socios do goberno, o PSdeG-PSOE. Cre que os cidadáns entenden estas discrepancias públicas?
Sempre que hai eleccións hai un intento de desmarcarse. O goberno, ás veces, se personaliza no alcalde e a forza política que está en segundo plano ten máis dificultades á hora de que a cidadanía visualice o seu traballo. Eu creo que podes desmarcarte, pero non atacar á liña de flotación. E non me gusta como se desmarcaron nin creo que sexa positivo para eles, por exemplo, no tema do compost. ÿ un avance con respecto ao tratamento do lixo, non hai dificultades, se pode controlar. Podo entender eses desmarques, pero non os comparto polas súas formas. Non te podes desmarcar ao final do mandato, porque iso soa falso.
Agora que o menciona, lle doen especialmente as críticas do PSdeG-PSOE ao proxecto da planta de compostaxe?
Non me doe en absoluto. ÿ un erro deles. Eu non teño ningún problema coa planta de compostaxe. Estou tranquilo porque sei que vai a ser positivo, non vai a xerar ningunha molestia. Se terá en conta que estará alí á hora de traballar polo coidado das masas arbóreas da parroquia, haberá un canon que poderá ser reinvestido na zona, crearanse postos de traballo. Me preocupa máis que quedara deserto o servizo provincial da Deputación, porque del depende a viabilidade da planta. Dos que se opoñen? Non me gusta que poñan paus nas rodas. ÿ unha falta de miras políticas. Pero o proxecto vai para adiante de todas todas.
Este é un proxecto consensuado coa Deputación. Hai xente que non entende esa sintonía entre o BNG e o PP. Como explica esta boa relación?
"Podo entender os desmarques do PSOE, pero non os comparto polas formas. Non te podes desmarcar ao final do mandato, porque iso soa falso"
Mira, nós facemos propostas. Empezamos a negociar con Abeledo, nun momento no que o acceso a Montecelo desde Santa Margarida era terceiromundista. Eu teño que velar polos intereses dos cidadáns de Pontevedra e negociar con todo o mundo, sexan ou non da miña forza política. E coa Deputación chegamos a acordos en cuestións sensatas. Vou a xunto deles e podo negociar proxectos sen problemas. Hai lealdade institucional. Coa Xunta non pasa iso.
A verdade é que a súa relación da Xunta nunca foi boa
Non é o mesmo a Xunta que a Deputación ou o Goberno central cos que vamos cumprindo os compromisos. Coa Xunta é imposible. Entendo que non teñan cartos, pero se pasan. Non hai boa relación. Eu creo que é unha decisión política de Feijóo. Entre administracións temos que entendernos e traballar para os cidadáns. Podemos traballar dunha forma ou de outra, eu prefiro chegar a acordos. Outros non. Non o acabo de entender.
Monte Carrasco, os terreos para o novo edificio xudicial Son moitos as frontes abertas, non cre?
ÿ que non pode ser que chegues e digas vou a poñer un hospital en Monte Carrasco. Vostede non pode facer o que lle de a gana. Ten que colaborar comigo, porque lle guste ou non os cidadáns me elixiron. E en vez de facer a variante de Alba, unha petición veciñal reiterada, fai o desdobramento Pino-Bora que non quería ninguén. E se non pararan a ampliación de Montecelo, xa estaría feita. Agora, non temos nada. Como os xulgados. Xa pagamos os propietarios, só falta unha escritura do rexistro. O espazo está aí e ninguén vai poñer pegas. Poden facer o edificio cando queiran. Pero non teñen interese ningún en facelo, porque senón faríano.
Teme a decisión da Xunta con ENCE?
Está claro para quen o queira ver que eles van a defender que ENCE siga estando aí. A Xunta ten competencias sobre este tema. A lei de costas, que por certo a cambiaron para que dixera o contrario, pode permitir o que lle de a gana, pero as directrices do territorio tamén. E se a Xunta di que ese terreo non é industrial, non importa o que diga a lei de costas e polo tanto acabaríase a historia.
ENCE é, precisamente, un dos cabalos de batalla con respecto a ese PXOM que segue no caixón do goberno municipal.
A Xunta non conta co Concello para planificar a ordenación do territorio. Somos a cidade máis compacta de Galicia, a cidade coa vivenda máis barata Algo saberemos de urbanismo, digo eu. Nós non queremos construír ata Marcón, pero si un radio de 200 ou 300 metros onde ir construíndo novas vivendas. Pero nos imos a pasar por reducir a edificabilidade existente nin por poñer ENCE onde está ou Monte Carrasco onde está. E non me deixan crear polígonos industriais. Parece que se rin de nós.
E non lle preocupa o que pasa con o Porto?
Claro que me preocupa. Hai que buscar unha solución, que debe ser política. Teñen na man facelo. O Consello de Ministros terá que dicir que por interese xeral esta sentencia non se pode cumprir. E alguén debería asumir as responsabilidades do que pasou. Nós xa avisamos do que podía pasar e todos nos atacaban. Dicían que éramos malísimos porque alertábamos disto e llo seguen dicindo aos armadores. Eu son defensor do porto e estou no consello cunha morea de tipos colocados polo PP. Podo opinar, pero non teño culpa de nada.
Se lle critica a este goberno que, moito modelo de cidade pero pouco modelo económico, que non se aposta pola creación de emprego
"Se eu tivera unha cidade fea á que ninguén quere vir, habería máis traballo? Quen se cre nada diso? Están nunha mentira continua todos"
Se eu tivera unha cidade fea á que ninguén quere vir, habería máis traballo? Quen se cre nada diso? Están nunha mentira continua todos, empezando por Feijóo e Rajoy. Non é competencias dos concellos xerar postos de traballo. Todas as que tiñamos nesta materia nolas foron quitando. Non teño cartos máis que para dar servizos e desenvolver un modelo urbano. Non podo crear polígonos industriais, nin facer políticas económicas ou axudar á internacionalización dos nosos sectores produtivos. Se eu teño que facer o que ten que facer o goberno do Estado ou a Xunta, para que os queremos?
Di Rajoy que o peor da crise xa pasou. Comparte vostede esa visión?
En que sector se está xerando actividade económica neste país? Que mo digan. Nin no mar, nin no monte, nin no naval, nin no agro... tampouco na industria ou no comercio, que con tanto centro comercial van quedar catro vendendo na tenda da esquina. Non fixeron absolutamente nada e os mozos e as persoas mellor formadas seguen a marchar. A saída é irse. Antes aínda se traían divisas, agora temos que mandar cartos para alá. Se investigan fóra, para eles; se producen fóra, para eles. Un país que emigra non ten futuro.
E neste panorama entende que xurdan novas forzas políticas que atraian aos descontentos?
Este sistema está esgotado. Hai que buscar alternativas. Pero o que estamos vendo me recorda ao PSOE do 82. A socialdemocracia alemá financiou un partido que non existía. Montaron unha entelequia porque había que modernizar o país. Se eu vivira en Madrid, que che queda? Esquerda Unida ou Podemos. Pero de aí que se consolide como algo, veremos. En todo caso, en Galicia hai que moito que facer e nunca veu ninguén de fóra a resolvelo. Aquí non creo que cheguen. O que din estes agora, eu lévoo defendendo 43 anos.
E de cara ás eleccións municipais, ve factible a maioría absoluta do BNG en Pontevedra?
Nós vamos a traballar para conseguir maioría suficiente. Eu vou a traballar por Pontevedra teña un ou 25. Cando non teña ganas, non me sinta a gusto ou considere que non teño nada máis que aportar, marcharei para casa. Eu teño a fortuna de ter a vida solucionada. Estou aquí para facer cousas e aportalas. Vamos a traballar na liña de ter a máxima representatividade posible, pero non vamos a crer que somos uns fenómenos e non contar coa xente. Para nada. Todos os proxectos que son participativos e contan coa opinión da xente son máis efectivos, executables e rendibles.
Relacionadas:
-
A Canicouva pide tranquilidade: "Non vamos a permitir nin unha empacadora nin un almacén de lixo"
Por Alejandro Espiño |
-
A planta de compost, ao detalle nunhas xornadas técnicas organizadas por Concello e Deputación
Por Alejandro Espiño |
-
A Canicouva acollerá a planta de compostaxe a cambio de 2.000 euros anuais por hectárea
Por Redacción |
-
Pontevedra pecha 2014 con 83.464 persoas censadas no municipio
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, referente mundial: premiada por Dubái e a ONU polo seu modelo de cidade
Por Alejandro Espiño |