"Decepción" entre os sindicatos policiais pola "maquillaxe" da repartición de chalecos antibalas
Por Oskar Viéitez
A Unión Federal de Policía (UFP) cualificou como "maquillaxe" a repartición de chalecos antibalas, mentres que o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, reiterou en Pontevedra que o Ministerio do Interior conta con ter ao longo deste ano 2015 estas pezas de seguridade a disposición de todos os axentes da Policía Nacional.
No transcurso dunha visita oficial á Deputación el delegado del Gobierno recordou que se trata de "un plan a varios anos" que se iniciou por parte do ministerio "como consecuencia do tráxico suceso que tivemos na cidade de Vigo", e que rematará este 2015, "polo que contamos con ter esta dotación ao longo deste ano a disposición de todos os axentes, de toda España e das distintas comisarías que hai en Galicia".
Santiago Villanueva indicou que estes chalecos serán para "aqueles axentes que estean en labores de rúa e poidan necesitar este medio de protección".
O delegado gobernativo fixo este comentario ao ser preguntado polos xornalistas sobre a reunión celebrada este xoves entre os sindicatos e os mandos policiais para abordar a subministración desta dotación. Un encontro que describiu como "de tipo operativo" polo que nel "non participan nin o delegado nin o subdelegado do goberno posto que é unha actuación operativa por parte dos corpos de seguridade".
Pola contra, os representantes do sindicato Unión Federal de Policía (UFP) trasladaron a súa "decepción" por este encontro, cualificando como "maquillaxe" a repartición destas pezas de seguridade.
"Non hai chalecos para todos, nin sequera para os que realizan servizos operativos", afirman nun comunicado no que anuncian que consultarán cos seus servizos xurídicos "a posibilidade de emprender accións legais ante tanta desidia e despropósito".
VISITA OFICIAL
A Deputación de Pontevedra foi a primeira das administracións provinciais galegas en ser visitadas oficialmente polo delegado do Goberno en Galicia.
A visita de Santiago Villanueva serviu para "falar dos problemas e as posibles actuacións" a levar a cabo entre ambas as dúas institucións "e manter a magnífica relación que temos con esta deputación", comentou en presenza do presidente da Administración provincial, Rafael Louzán.