Pontevedra non baixará o recibo da recollida de lixo, a pesar da rebaixa do canon de Sogama
Por Redacción
Sogama anunciou unha rebaixa do dez por cento no canon que cobra aos concellos galegos. Trata de compensar así a suba do ano pasado, que alcanzou un 34%, indignando á maior parte dos municipios da comunidade.
Pontevedra non ten previsto repercutir esa baixada no recibo que pagan os cidadáns. Segundo o goberno municipal, débese a que a última suba do canon tampouco se trasladou de forma íntegra aos usuarios, senón que foi asumida polo Concello.
Así o confirma o concelleiro de Facenda, Raimundo González. O recibo doméstico manterase en 2015, polo tanto, en 21,93 euros ao bimestre para as vivendas situadas en chan urbano; mentres que para as do rural seguirá en 12,06 euros cada dous meses. Tamén pagarán o mesmo, entre outros, os comercios (41,87 euros), oficinas e despachos (38,01 euros) ou bares e restaurantes (82,16 euros).
Ante esta decisión, o Partido Popular anunciou que presentará unha moción no Pleno do próximo martes na que esixen ao goberno municipal que rebaixe o imposto sobre o lixo, como mínimo no 10% anunciado por Sogama.
Ademais, os populares preguntarán polo destino dos dous euros máis ao mes que se cobra a cada vivenda da cidade. Jacobo Moreira asegura que a pesar de repercutir esa suba aos veciños, o Concello de Pontevedra segue sen pagar a Sogama, o que fixo, insiste, que dende o pasado mes de marzo, "a débeda coa empresa de recollida de lixos aumentase ata os 809.000 euros".
Relacionadas:
-
Sogama e o Concello inician negociacións para chegar a un acordo extraxudicial pola débeda
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello presenta un recurso contra as novas condicións de adhesión a Sogama
Por Redacción |
-
O Concello rexeita rebaixar o recibo do lixo e recórdalle ao PP que foi a Xunta quen obrigou a subilo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra recorrerá a última sentenza de Sogama á espera da decisión do Constitucional
Por Redacción |
-
Unha nova sentenza obriga o Concello a pagar 1,2 millóns de euros a Sogama
Por Redacción |
-
Cada fogar pontevedrés pagará 1 euro máis ao mes pola subida do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |