Un tractor destrúe un petróglifo do parque rupestre de Campo Lameiro
Por Redacción
Un tractor que realizaba tarefas de roza no parque rupestre de Campo Lameiro pasou por enriba dun dos petróglifos danando a rocha coas cadeas metálicas, provocando multitude de estalidos que levantou o granito e borraron parcialmente a espiral prehistórica.
Segundo informa o xornalista Víctor Honorato en páxinas do diario El Pais, o máximo responsable da empresa concesionaria do parque, Espiral Xestión, Jorge Sayáns, alegou "de entrada descoñecer o caso e acaba indicando que a zona na que se encontra o petróglifo en cuestión non está exposta ao público". Sayáns declarou que "moitos" dos gravados non están catalogados, unha tarefa que lle corresponde á Xunta.
O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro é o maior conxunto desas características que se conserva en Galicia, e está catalogado pola Xunta como Ben de Interese Cultural (BIC). Os labores de roza deben acometerse con coidado e é preciso balizar as rochas para evitar accidentes.
Segundo explicou a Consellería de Cultura a El País, "con respecto ás instalacións, as rozas de mantemento realízanse manual ou mecanicamente dependendo das áreas. Todos os petróglifos están correctamente situados e as zonas que se poden mecanizar están delimitadas para evitar afeccións aos gravados".