AGE esixe retirar as excepcións das touradas e do tiro ao pombiño da Lei de Protección de Animais
Por Redacción
Alternativa Galega de Esquerda (AGE), en colaboración coa asociación animalista Libera, rexistrou este venres no Parlamento unha proposición de lei para retirar da Lei de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade as excepcións referidas ás corridas de touros e mais ao tiro ao pombiño.
"Debemos mellorar as condicións de vida dos animais se queremos comportarnos como a sociedade avanzada que dicimos que somos", afirmou o deputado de AGE, Antón Sánchez, que, xunto á deputada Eva Solla e o membro de Libera Rubén Pérez ofreceron esta venres unha rolda de prensa.
"Só o 0,8% das galegas e galegos ten interese nos espectáculos taurinos"
"Só o 0,8% das galegas e galegos ten interese nos espectáculos taurinos", relatou Solla, "e a excepción dos mesmos na lei de protección animal non ten ningún sentido. A lexislación defende os intereses dunha minoría social".
Ao igual que no caso do tiro ao pombiño, "práctica cruenta en que se matan animais por diversión", o mantemento das touradas entre as excepcións ás que non afectan as normas "só responden ás presións de escollidos lobbies de determinados ámbitos sociais, moi elevados".
"Nin as preferencias da cidadanía nin a tradición cultural, na Galiza inexistente, poden xustificar o maltrato e asasinato de animais indefensos apenas para solaz duns poucos", afirma o deputado de AGE.
Para Rubén Pérez, da asociación Libera, "as touradas son un espectáculo residual na nosa terra que unicamente subsiste polas moitas prebendas das que goza", entre elas citan as excepcións na Lei de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes e as subvencións de administracións públicas.
A proposición de lei súmase a outras iniciativas presentadas por AGE en colaboración con Libera. Por exemplo, a modificación da mesma lei que endureceu as multas e sancións por maltrato animal e que foi aprobada no Parlamento de Galicia.
Relacionadas:
-
Unha ONG internacional promocionará O Grove se suspende o 'tiro ao pombiño'
Por Oskar Viéitez |
-
'Galicia, Mellor sen Touradas' propón reconvertir a praza de touros en hotel
Por Redacción |
-
Touradas Fóra de Pontevedra denuncia a retirada das súas pancartas reivindicativas
Por Redacción |
-
A recollida de sinaturas para pedir a supresión do convenio municipal coa Praza de Touros bate marcas
Por Redacción |