O PP esixe a suspensión do contrato de xardíns por inflar as zonas verdes da cidade
Por Natalia Puga
O PP levou o prego de condicións redactado polo Goberno local para licitar o contrato de mantemento de xardíns de Pontevedra ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Facenda. Pretende que se suspenda o contrato e o prego volva redactarse logo de detectar unha serie de erros e vicios que consistirían en inflar a superficie de zonas verdes municipais.
César Abal, concelleiro, e María José Rois, membro da executiva municipal do partido, explicaron que se trata dun recurso administrativo e non xudicial, pero que, logo de que este tribunal resolva, aínda cabe a posibilidade de acudir á vía xudicial presentado un recurso contencioso-administrativo. De momento, optaron por esta fórmula e tamén presentaron, de forma subsidiaria, un recurso ante o propio Concello para garantir que algún órgano se manifeste sobre a situación.
O recurso formalizouse este xoves ante o Rexistro Municipal -dende aí derívase ao citado tribunal estatal- e ten como obxectivo que o Concello rectifique o prego do contrato. En concreto, piden que se estime o recurso, se anulen os pregos que rixen o contrato e, en consecuencia, que se retrotraia o procedemento de contratación, elaborando os novos pregos que "corrixan os vicios alegados" e se convoque un novo proceso de contratación. Esixen tamén que se suspenda a tramitación do contrato ata que se resolva o recurso ou o contencioso-administrativo que se poida chegar a fomular.
Piden que se elaboren novos pregos que "corrixan os vicios alegados" e se convoque un novo concurso
A pesares de que detectaron erros en varias das zonas verdes contempladas no contrato, tan sólo formalizaron este recurso sobre dúas das zonas: os terreos da antiga Tafisa e o entorno do estadio municipal de Pasarón.
Ao respecto, explican que fundamentan o recurso en que o Goberno local recolle como zona vede a limpar os 49.903 metros cadrados dos terreos da urbanización de Tafisa a pesar de que o Concello aínda non os recepcionou como municipais e segue a ser unha finca de titularidade privada. Non se pode contratar o mantemento dunha zona que non é titularidade pública.
Ademais, recorren a inclusión de 2.840 metros cadrados do entorno de Pasarón tamén como zonas verdes a pesares de que se trata dun terreo destinado a estacionamento. María José Rois valora que se trata dun caso "flagrante" porque se está a sobredimensionar a superficie obxecto de mantemento no contrato de xardíns.
César Abal: "No vamos a permitir que los ciudadanos paguen por zonas verdes que son cemento"
César Abal engade que dende o PP "no vamos a permitir que los ciudadanos paguen por zonas verdes que son cemento" e que non se incluíron o resto dos terreos nos que se detectaron erros "por no dilatar" o procedemento, xa que engadir todas as zonas "alargaría mucho el proceso" e os erros de Tafisa e Pasarón xa son o suficientemente graves como para motivar que se estime o recurso e se suspenda o contrato.
Os responsables do PP alertaron de erros á hora de incluir no contrato as zonas verdes dos centros educativos do municipio, pois cífrase un terreo tres veces superior ao recollido no último inventario de bens municipais do ano 2005. Así, no colexio Álvarez Limeses contabilízan no contrato 2.887 metros cadrados e no inventario figuran só 65 metros cadrados. No Froebel contan 2.144 e a zona verde real é de 50 metros. No colexio de Barcelos hai 99 metros cadrados e no contrato de mantemento de xardíns recóllense 1.393.
O PP analizou o contrato de mantemento de xardíns ao constatar que supoñía un aumento dos custos para o Concello de máis de 730.000 euros. Ademais, recordan que este contrato se sacou a concurso logo de varias prórrogas irregulares xa denunciadas polo partido da oposición e sobre as que se alertou á Fiscalía Provincial.
Relacionadas:
-
O Tribunal Administrativo Central referenda o contrato de mantemento de xardíns que cuestionaba o PP
Por Natalia Puga |
-
Suspenden a licitación do novo contrato de mantemento de xardíns de Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP traslada a Fiscalía novas sospeitas de irregularidades co contrato de Elsamex
Por Alejandro Espiño |
-
O PP non cre as "excusas" do goberno municipal polos atrasos do contrato de xardíns
Por Redacción |
-
Sae a concurso o novo contrato de mantemento de xardíns en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O PP leva a Fiscalía as presuntas irregularidades do contrato de xardíns en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Valedor dá a razón ao PP na denuncia polas irregularidades no contrato de mantemento de xardíns
Por Redacción | Creada e actualizada