Un pontevedrés a un policía: "te voy a mandar al hospital, te voy a rajar de arriba abajo"
Por Redacción
"Os voy a matar, hijos de puta, me he quedado con tu cara, yo estuve en la Lama y te voy a mandar al hospital, te voy a rajar de arriba abajo". A frase é ameazante e insultante e podería sementar o pánico a calquera. Produciuse na madrugada do xoves na rúa Claudio González Zuñiga, situada detrás do santuario da Peregrina. O receptor desta foi un axente da Policía Nacional e a persoa que a emitiu un veciño de Pontevedra.
Segundo informou a Policía Nacional o autor de tales ameazas, de 41 anos, foi detido como presunto autor dun delito de atentado a axente da autoridade e resistencia. Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, o detido foi posto a disposición xudicial.
Os feitos producíronse sobre a 1.40 horas do día 13 de decembro. A Policía Nacional recibiu unha alerta de que se estaban producindo unha pelexa entre varios individuos nun establecemento hostaleiro da rúa González de Zúñiga.
O encargado do local relatou aos axentes que instantes antes tiveran problemas con dous individuos no interior do local. Os supostos implicados na liorta foron identificados, pero nese momento dúas persoas que en principio non tiñan nada que ver cos feitos inmiscíronse. Achegáronse ao lugar e un empezou a increpar os policías.
Cando o axentes intentaron identificar estes novos personaxes da historia, un deles encarouse cara a eles contestando de xeito despectivo e negándose de forma persistente e cada vez máis agresiva a ser identificado. Lonxe de depoñer a súa actitude abalanzouse sobre un dos axentes e de forma ameazante comezou a berrar a frase relatada.
Finalmente, logrou ser reducido coa colaboración doutras dotacións policiais. Tras un forcexo entre os axentes e o detido logrouse que subise ao vehículo policial. Unha vez dentro, supostamente comezou a golpear coa cabeza de forma reiterado o biombo de seguridade do vehículo policial.