Apartan das actividades da Cultural de Mourente o violador que fixo de Rei Baltasar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O veciño de Pontevedra Rogelio R.D.S., de 40 anos e natural de Brasil, foi apartado das actividades que realizaba habitualmente na Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente tras saír á luz que ten unha condena da Audiencia Provincial por un delito de agresión sexual e outro de abusos sexuais continuados do que terían sido vítimas as fillas da súa antiga parella. A noticia saltou tras exercer de Rei Baltasar no festival infantil celebrado o pasado domingo 4 de xaneiro.
A directiva ao completo da Cultural de Mourente saíu este mércores en rolda de prensa para anunciar que apartara a este home das actividades que facía de forma desinteresada en colaboración con eles e para asegurar que a asociación era "totalmente ajena e ignorante de las circunstancias que rodeaban la vida de esta persona".
Segundo explicou o seu presidente, José Rodríguez, descoñecían que Rogelio tería sido condenado por delitos de índole sexual e non se decataron ata que o martes se puxeron en contacto con eles dende Diario de Pontevedra para indicarlles a publicación dunha información sobre este extremo. En canto tiveron constancia da situación, convocaron unha reunión extraordinaria con carácter urxente e a Directiva acordou por unanimidade "desvincularse totalmente de las colaboraciones desinteresadas y puntuales" que realizaba con eles.
A directiva indicou que descoñecen detalles da vida deste home, que no mes de setembro de 2014 empezou a colaborar con clases de bailoterapia dirixidas a persoas maiores -agora suspendidas- e participaba activamente nas actividades da asociación. Ao respecto, cabe recordar que foi xulgado na Audiencia en febreiro e condenado en abril a oito anos de prisión.
A asociación era "totalmente ajena e ignorante de las circunstancias que rodeaban la vida de esta persona"
Visiblemente compunxidos, todos os membros da directiva aseguraron que Rogelio R.R.D.S. nunca realizara ningunha actividade relacionada con nenos, senón que sempre traballaba con adultos e non cobraba da asociación, senón que o facía de forma altruísta. O domingo rematou vestido de Rei Baltasar e sentándose no escenario da Cultural durante a festa infantil porque a persoa que habitualmente realizaba esta función lles fallou no último momento, propuxéronllo e el aceptou.
Ao respecto, cabe matizar que aquela tarde "todos los niños estaban con sus padres, no había ningún niño solo" e en ningún momento quedou a soas cos menores nas instalacións de Mourente. Durante todo o tempo que durou a festa, ademais, estivo presente na sala a actual parella de Rogelio -veciña de Mourente- e a súa filla de catro anos.
Os membros da directiva aseguran aos socios e á sociedade de Mourente que puidese alarmarse coa noticia que eran alleos ao seu historial delituoso e que nunca recibiron queixas nin preguntas dos participantes nas actividades da asociación en relación con esta persoa. "Nunca nadie nos dijo nada, no podíamos sospechar nada", indican, e aseguran que "todos estaban encantados con él".
O home foi condenado en abril pola Sección Cuarta de la Audiencia, pero permanece en liberdade porque a sentenza está recorrida no Tribunal Supremo. Fontes policiais e xudiciais consultadas aseguran que non cometeu ningún delito nin acción penalmente reprochable por exercer de Rei Baltasar, á marxe da alarma social suscitada por estes feitos.
Os dous delitos teríaos cometido dende 1999 nun domicilio da rúa Echegaray, primeiro da súa fillastra maior (cando tiña 12 anos) e logo da outra (que tiña 10), pero non saíron á luz ata o ano 2007, cando as nenas relataron á súa nai os abusos aos que supostamente as someteu o home durante os anos previos. Nese momento, ela separouse e presentouse denuncia.
Relacionadas:
-
Confirman a pena de prisión por agresión e abusos sexuais para o 'rei Baltasar' de Mourente
Por Redacción |
-
Condena de cinco anos de prisión para un veciño de Pontevedra por abusar das súas fillastras
Por Redacción |
-
Un veciño de Pontevedra nega que abusase das súas fillastras, pero recoñece que instalou unha cámara no baño dunha
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |