Os Reis Magos máis madrugadores da comarca, os de Ponte Caldelas
Por Redacción
Un día antes de que os Reis Magos protagonicen unha maratoniana xornada, que culminará coa repartición de regalos a todos os nenos pontevedreses, Melchor, Gaspar e Baltasar decidiron quentar motores e encabezar a primeira cabalgata de todas as que están previstas na bisbarra de Pontevedra. O seu primeiro destino foi ponte Caldelas, a onde acudiron para saudar os nenos do municipio.
A cabalgata saíu ás seis e media da tarde das inmediacións do colexio Manuel Cordo Boullosa e percorreu as principais rúas do centro da vila.
Acompañados de catro carrozas perfectamente engalanadas e decoradas para a ocasión e escoltados polo seu séquito real, os Magos de Oriente repartiron numerosos caramelos ata a súa chegada á Alameda.
Pero non foi o único acto ao que tiveron que acudir en Ponte Caldelas, xa que os veciños lles prepararan unha recepción no Centro Cultural do municipio. Alí, por espazo dunha hora, os nenos e nenas que os esperaban puideron facerlles as súas últimas peticións antes desta noite máxica.
Grazas ao dispositivo de seguridade que despregou o goberno municipal, non houbo incidente ningún durante unha cabalgata que se converteu en todo un éxito de participación e afluencia.