O tiovivo, atracción estrela dun Pontexogos que rexistrou máis de 20.000 accesos
Por Redacción
Pontexogos despídese ata o próximo ano. Faino cuns datos de afluencia que o Concello de Pontevedra cualifica como moi positivos. Aínda que o número total de nenos é imposible de estimar, dado que moitos deles repetiron visita durante os días que se mantivo esta oferta lúdica na praza de España, si hai constancia de que houbo máis de 20.000 entradas de rapaces ás variadas opcións de lecer.
Esta iniciativa da concellaría de Promoción Económica para estimular as vendas de Nadal no comercio local chega á súa fin, polo tanto, con éxito de público e de resultados. O acceso ao recinto podíase facer presentando un recibo de compra en calquera establecemento da cidade. En total, o público presentou 34.300 recibos e quedou constatada a presenza de moitos rapaces de municipios próximos.
Os días de maior afluencia foron o domingo 21 (2.500 entradas), o domingo 28 (2.300 entradas) e o sábado 3 xaneiro (2.100) entradas. As horas punta foron entre as 12.30 e as 13.30 horas e entre as 18.30 e as 19.30 horas.
A actividade máis demandada, con case o 50% das entradas, foi o tiovivo; seguido cun 38% da carpa de actividades; un 9% do minicine e un 3% do rocódromo. Non obstante, hai que ter en conta que o rocódromo só estivo montado os mércores e os domingos.
Sen embargo, atendendo ás idades dos rapaces queda claro que o tiovivo é o preferido dos máis pequenos (ata tres anos), e os gustos van cambiando progresivamente cara o cocodrilo inchable, o taller de repostería, o inchable "saloon", o "xogostrad", o circuíto de xogos tradicionais, o taller de repostería e o minicine, que foi o máis valorado polos rapaces de ata 12 anos.
Carlota Román destaca a valoración positiva que os nenos e os seus pais realizaron durante as súas visitas a Pontexogos, o que motivou que moitas familias repetiran varios días.