O PP de Poio acusa o Concello de "non ter feito nada" para anular as multas por xirar o pescozo
Por Redacción
O goberno municipal de Poio, segundo o Partido Popular, non retira as sancións aos condutores que foron multados por xirar o pescozo "por temor a ser denunciados". Así o asegura o seu voceiro, Ángel Moldes, que afirma que a política de tráfico no municipio está a causar un "grave prexuízo" aos cidadáns e á imaxe exterior de Poio.
Concretamente neste asunto, recorda o voceiro popular, o Concello de Poio anunciou que se ían a retirar estas sancións, pero polo de agora aínda non se fixo. "Dende a volta do verán preguntamos en cada Pleno ó alcalde qué se fixera en relación a esas multas. E a contestación é sempre a mesma: nada", explica Moldes, que indica que así o reflicten as actas dos plenos nos que o Partido Popular preguntou sobre este asunto.
Os popular vinculan este comportamento ao "afán recadatorio inédito" que ven no goberno municipal no referido a sancións de tráfico. A falta dos datos de decembro, a Policía Local impuxo multas por valor de 100.000 euros, segundo o PP, por enriba dos 70.000 euros reflectidos no orzamento municipal por este concepto.
Estes datos, apunta Ángel Moldes, noutros municipios garantirían a implementación de planos de choque, aumentando as prazas de aparcamento ou establecendo medidas preventivas, "pero en Poio obrigan a tomar medidas que non só supoñen unha forte carga económica para cidadáns e comercios, senón que danan a imaxe do Concello incluso a nivel nacional".