José Manuel Cores Tourís repite como delegado da Xunta en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Era un segredo a voces, pero por fin confirmouse. O Consello da Xunta aprobou o nomeamento de José Manuel Cores Tourís como delegado territorial en Pontevedra. ÿ un paso máis na continuidade do goberno galego. Despois de que Alberto Núñez Feijóo confirmarse a sete dos seus oito conselleiros, a Xunta mantén tamén nos seus postos aos cinco delegados territoriais. E Cores Tourís é un deles.
El xa manifestara a súa disposición a repetir no cargo e o partido sabíao desde hai tempo. Pero é que ademais, unha nutrida representación dos alcaldes do PP na súa área de influencia (a delegación pontevedresa da Xunta abarca 48 concellos da provincia), solicitara tamén a súa continuidade, unha petición atendida agora polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
A nova designación de José Manuel Cores Tourís obrigará a que o exalcalde de Cambados renuncie ao escano de deputado autonómico que conseguiu nas pasadas eleccións autonómicas do 21-O. O seu posto no Parlamento será ocupado por Alejandro Gómez, natural de Forcarei, e que na pasada lexislatura foi o voceiro parlamentario de Infraestruturas do PPdeG.
José Manuel Cores Tourís ten 54 anos e é natural de Oubiña (Cambados, 1958). Tras pasar pola cooperativa agraria Horsal, en 1987 entra no Concello de Cambados como segundo tenente de alcalde e concelleiro de Economía. Once anos despois convértese en alcalde da localidade, gañando por maioría absoluta as eleccións municipais de 1999, 2003 e 2007. Foi ademais senador entre 2000 e 2009, cargo do que tivo que renunciar cando Núñez Feijóo o nomeou o primeiro "superdelegado" por Pontevedra da súa estrutura territorial.
Ademais de Cores Tourís, Raquel Arias e Belén do Campo repetirán como delegadas en Lugo e A Coruña. Ambas terán tamén que abandonar os seus escanos no Parlamento. E confirmouse a continuidade dos dous delegados que seguían, en funcións, á fronte das súas responsabilidades. María José Bravo como delegada en Vigo e Rogelio Martínez en Ourense.