Kevin, primeiro bebé do ano en Pontevedra
ÿ, tradicionalmente, a imaxe máis tenra que nos deixa o Ano Novo. E esta vez non foi unha excepción. O primeiro bebé do ano en Pontevedra non se fixo de pregar. Chámase Kevin e pesou 3 quilos e 695 gramos ao nacer.
Fíxoo ás 1.20 horas desta madrugada, tan só vinte minutos despois de que o fixese a primeira galega de 2015, unha nena chamada Nieves que veu ao mundo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
Mónica Franco e Miguel Núñez, ambos os dous de Pontevedra aínda que residentes actualmente en Barro, son os seus orgullosos pais. Aínda que entraba dentro das posibilidades que Kevin nacera hoxe, eles non as tiña todas consigo.
Tan tranquilos estaban que puideron gozar da cea de Noitevella en familia. Foi durante as uvas, explican, cando a nai comezou a sentir as primeiras molestias. Tras brindar cos seus e tomar o café, Mónica empezou con fortes dores e o seu marido trasladouna de inmediato ao Hospital Provincial.
"Foi todo moi rápido", recorda a feliz nai. E tanto. Apenas 40 minutos despois de chegar ao centro sanitario, nacía Kevin, un bebé forte e san. O parto, que foi natural e non necesitou de cesárea, transcorreu sen complicación ningunha. "Estamos ben, eu un pouco cansa pero moi feliz", explicou a PontevedraViva.
Kevin, que era "un nome que sempre nos gustara" explica Miguel, non é o primeiro fillo da parella. Teñen un neno de catro anos chamado Iker. Acompañábaos no hospital cando os fotógrafos chegaron para retratar a felicidade desta familia.
Aparentemente inquedo ante as cámaras, resistiuse un pouco, pero rematou por unirse aos seus pais e ao seu novo irmán para inmortalizar unha estampa que recordarán toda a vida.
LEIRE, A PRIMEIRA NENA DO SALNÿS
Algo máis tardou en nacer o primeiro bebé no Hospital do Salnés. Trátase dunha preciosa nena chamada Leire. Saíu do ventre da súa nai ás 9.08 horas da mañá. Foi tamén mediante un parto natural e pesou 2 quilos e 890 gramos.
Os seus pais son Sara e Diego, unha parella de Vilagarcía de 22 e 24 anos respectivamente. Para eles si é o seu primeiro fillo e, aínda que felices, recoñecían que a criatura lles vai cambiar a vida.