Pontevedra pecha 2014 con 83.464 persoas censadas no municipio
Por Alejandro Espiño
Pontevedra afiánzase como a sexta cidade máis poboada de Galicia. A 30 de decembro de 2014, 83.464 persoas están censadas no municipio, segundo os datos recollidos no padrón municipal. Son 96 máis que hai un ano. Estes datos, segundo Miguel Anxo Fernández Lores, volven demostrar o crecemento dunha cidade que é a única, de entre as sete grandes galegas, cuxa poboación segue subindo.
Tras un pequeno baixón en 2013, Pontevedra recupérase e roza o seu teito, situado nos 83.534 habitantes que estaban censados a 31 de decembro de 2012. Dos 83.464 pontevedreses actuais, un 75,24% (62.801 persoas) viven no centro da cidade. Son 278 máis que en 2013 e é onde se cimenta o aumento poboacional. O resto, 20.663 persoas, repártense entre as quince parroquias do rural, un 1,5% menos que hai un ano.
Delas, só Alba (793) e Ponte Sampaio (1.061) gañan habitantes nos últimos doce meses, ao sumar cinco e trece veciños respectivamente. Os maiores descensos prodúcense en Lérez (1.741), Campañó (1.881), Lourizán (3.141), Salcedo (2.130), de onde marcharon 42, 24, 23 e 22 persoas respectivamente. Marcón (2.184) e Verducido (926) con 15 menos, Xeve (1.091) con 11 menos, A Canicouva (245) e Cerponzóns (757) con sete menos, Bora (775) e Santa María de Xeve (867) con seis menos e Mourente (2.023) con cinco menos, completan o censo do rural.
Unha ollada máis pormenorizada ao padrón municipal, a falta duns datos máis concretos en canto ao volume poboacional en función das franxas de idade, demostra que a crise económica freou a natalidade ao Pontevedra, ao igual que no resto de concellos galegos. Así, os nenos de 0 a 4 anos son 3.644, un número que non deixou de decrecer nos últimos dous anos e que non se recordaba dende 2004, que pechou con 3.628 censados.
Aínda así, Pontevedra pode presumir de novo de pechar o ano con crecemento vexetativo positivo. ÿ dicir, os nacementos volven superar ás defuncións. Naceron 593 nenos (sen contabilizar os meses de novembro e decembro) e faleceron 590 persoas (a falta de coñecer as defuncións de decembro). Espérase que a diferenza aumente cos datos definitivos, xa que se adoitan rexistrar moitos nacementos no tramo final do ano.
Todo o contrario do que acontece co número de inmigrantes empadroados na cidade. Tras un proceso de depuración, no que se deron de baixa persoas ás que non se lles puido localizar no seu domicilio, en Pontevedra están rexistrados 3.027 cidadáns de nacionalidade estranxeira, un 13,09% menos que hai un ano. Non se recordaba un número tan baixo dende os 2.934 que estaban censados a finais de 2005.
Con estes datos, Pontevedra agarda que en 2015 o Instituto Nacional de Estatística certifique por vez primeira que a cidade supera os 83.000 habitantes. A 1 de xaneiro de 2014, o municipio contaba, segundo este organismo, con 82.946 persoas. Son doce máis que un ano antes, que permite a Pontevedra ser a única gran cidade galega en aumentar a súa poboación durante o ano 2013.
Fronte a estes datos, Miguel Anxo Fernández Lores destacou que Vigo e A Coruña perderon 1.482 e 1.113 habitantes nun ano respectivamente; mentres que tamén perderon poboación Ferrol (843), Ourense (637) e en menor medida Santiago (241) e Lugo (201). Se se suman os datos dos últimos dez anos, só a capital lucense (7.134 persoas) supera o crecemento de Pontevedra (4.231 habitantes).
Relacionadas:
-
Pontevedra, máis preto dos 84.000 habitantes
Por Redacción |
-
A capital galega coa poboación menos envellecida
Por Redacción |
-
"Non me gusta que poñan paus nas rodas á planta de compost. Pero o proxecto vai para adiante de todas todas"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra ten 82.946 habitantes segundo o último padrón oficial
Por Redacción |