Crearán unha gran praza pública e peonil en Loureiro Crespo, diante do Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño
Unha gran praza pública peonil de 1.200 metros cadrados. ÿ o que proxecta crear o Concello de Pontevedra diante do Hospital Provincial. Segundo avanzou este martes o concelleiro de Obras Urbanas, Luis Bará, tras estudarse diferentes alternativas para un ámbito "que está moi construído, con moitas edificacións e poucos espazos libres", o goberno municipal opta por incluír esta zona nas áreas peonalizadas da cidade.
Actuarase dende a rúa Cobián Areal ata a entrada ao servizo de Urxencias do hospital. Búscase, segundo Luis Bará, apostar por un espazo de "preferencia peonil" e crear novas zonas de "centralidade" na zona urbana, mellorando a "convivencia" nunha área cuxa referencia máis próxima sería ata agora a praza de Barcelos.
Todo este ámbito urbano contará cunha plataforma única e no seu deseño xogarase con diferentes pavimentos: baldosas, lastro, pedra e formigón. Ademais, contará con "número importante" de árbores. En concreto, serán prunus, que ao ser de flor "daranlle alegría e cor á zona", explicou Bará. A actuación completarase con novo mobiliario urbano: bancos, papeleiras, aparcabicis e iluminación pública.
Esta transformación urbana levará aparellada cambios na circulación do tráfico en todo este ámbito. O principal é que os coches xa non poderán circular por diante do Hospital Provincial. Non se poderá acceder a esta zona dende o cruzamento con Benito Corbal e Cobián Areal. Inverterase o sentido da circulación en Loureiro Crespo dende a rotonda do 12 de novembro con José Malvar e os vehículos de emerxencia e servizos poderán chegar ao hospital dende alí.
Esta nova praza pública obrigará tamén a cambiar a parada de taxis que actualmente está situada diante do hospital. O Concello prefire que siga estando en Loureiro Crespo, pero a partir de Antón Fraguas, aínda que tamén aceptaría situala en Cobián Areal. En todo caso, Bará adiantou que se consultará cos taxistas cal das opcións prefiren, tendo en conta a mobilidade coa que vai quedar toda esta zona.
Espérase que as obras poidan comezar no primeiro semestre de 2015 e terán un prazo de execución de "tres ou catro meses"
A "gran novidade" deste proxecto, segundo o concelleiro nacionalista, é que todo este ámbito será de carácter peonil, se ben terá algunhas excepcións. O deseño final desta praza permitirá que en "épocas especiais" se poida abrir ao tráfico para deixar paso a tradicionais eventos festivos como a cabalgata de Reis ou o desfile do Entroido. O pavimento estará preparado, polo tanto, para soportar o tráfico pesado deste tipo de carrozas.
Ademais, dentro desta actuación inclúese o asfaltado do resto do tramo de Loureiro Crespo ata Casimiro Gómez, rúa esta última que tamén está nos plans do goberno municipal para aplicar nela unha reforma integral nun prazo máximo de dous anos. De feito, xa nas melloras deste contrato estaría a posibilidade de renovar o pavimento da parte máis próxima ao antigo cuartel da Garda Civil.
En total, o Concello de Pontevedra investirá 417.778,81 euros nesta actuación. Ese será o prezo da licitación do contrato, cuxa tramitación se encontra xa nos seus últimos pasos. Será aprobado nunha próxima Xunta de Goberno. Espérase que as obras poidan comezar no primeiro semestre de 2015 e, ao ter un prazo de execución de "tres ou catro meses", estará finalizada antes de que finalice o próximo ano.
Relacionadas:
-
A peonalización diante do Hospital Provincial afectará tamén a Casimiro Gómez
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Doce empresas optan á obra para peonalizar a fronte do Hospital Provincial
Por Natalia Puga |
-
O próximo goberno local de Pontevedra adxudicará a peonalización da fronte do Hospital
Por Oskar Viéitez |
-
A praza fronte ao Hospital Provincial adxudicarase en tres meses
Por Oskar Viéitez |
-
Inician os traballos para habilitar 70 novas prazas de estacionamento para motos na cidade
Por Redacción |
-
O Concello habilita prazas de aparcamento para os veciños en catro zonas da cidade
Por Mónica Patxot |
-
A avenida de Lugo estrea aspecto combinando unha circulación máis fluída con máis espazo peonil
Por Redacción |