Cada ano morren 800 persoas en Galicia a consecuencia de doenzas ou accidentes derivados do frío
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
En Galicia, morren 800 persoas cada ano a consecuencia de doenzas ou accidentes derivados do frío, segundo denuncia a Federación de Pensionistas de Comisións Obreiras (CC.OO.).
Segundo os datos achegados este luns nunha rolda de prensa en Pontevedra, preto de 100.000 fogares galegos padecen a pobreza enerxética, é dicir, a imposibilidade de facer fronte ao pagamento da factura da luz, que "mata física e socialmente provocando a exclusión social".
455.000 galegos dedican máis do 10% dos seus ingresos anuais a gastos en enerxía e 200.000 teñen serias dificultades para quentar as súas vivendas. A suma destes dous índices obtén como resultado a definición de pobreza enerxética.
Estas cifras disparáronse nos últimos anos a cabalo da crise e a suba da factura da luz, o 60% dende 2007.
Ante esta "triste realidade" a Federación de Pensionistas de Comisións Obreiras puxo en marcha a campaña "Loita contra a pobreza enerxética" para esixir o Goberno que garanta o acceso de toda a poboación a estas subministracións básicas.
O "empobrecemento" da poboación é "xeneralizado", pero este sindicato sinala a maior incidencia da pobreza enerxética no colectivo de persoas maiores e desempregados.
O voceiro de Comisións Obreiras Pensionistas, Luis Camiña, explicou que a campaña inclúe unha recollida de firmas que se entregarán ao ministro de Industria, José Manuel Soria, e que inclúe unha serie de medidas que propoñerán ao Executivo nacional para paliar esta situación como rebaixar o IVE ao 4% en alimentos e bebidas non alcohólicas e ao 10% o IVE da luz e o gas, ou incrementar o salario mínimo interprofesional "para que non se esgote o fondo de reserva das pensións".
Tamén propoñen que se poña en marcha un "auténtico" bono social e que se poña fin aos cortes de subministración por non pagamento no caso de falta de recursos, involucrando as empresas subministradoras nestas accións.
Relacionadas:
-
Máis do 80% das 3.500 familias atendidas pola Unión de Consumidores pagaban de máis na súa factura eléctrica
Por Redacción |
-
Máis de 10.000 familias da provincia de Pontevedra perderon o bono social da luz
Por Oskar Viéitez |
-
A familia intoxicada quentábase con carbón "porque no podemos pagar calefacción"
Por Natalia Puga |
-
Aumentan as comunidades de veciños sen cartos para calefacción
Por Oskar Viéitez |