CIG denuncia que a sanidade pública de Pontevedra "está na UVI"
Por Redacción
CIG-Saúde denuncia que a situación da sanidade pública en Pontevedra "lonxe de mellorar, empeora". O sindicato nacionalista di que o ano que remata "déixanos un balance moi negativo".
Entre outras decisións controvertidas sinalan nun comunicado que a derivación de doentes dalgunhas especialidades (hemodinamia ou radioterapia) a Santiago "ten consecuencias de índole económico e asistencial para os pacientes desta Área Sanitaria e ao mesmo tempo a perda de ampliación da carteira de servizos".
Denuncian tamén que a empresa Ibermansa, adxudicataria do servizo de electromedicina, "segue sen cumprir o contrato", ou que as relacións laborais están xudicializadas, polo que "son demasiados casos os que esta xerencia tenta resolver nos xulgados, e a xustiza parece que non lle está a dar a razón".
Ademais subliñan que a pesar das obras de ampliación, o Hospital Comarcal do Salnés perdeu autonomía de xestión como consecuencia da integración nunha única área de xestión, "converténdoo na práctica pouco máis que nun ambulatorio". Perdió peso asistencial e aseguran que "as tan prometidas obras non deixan de ser un acto de propaganda, máis destinado a contentar aos alcaldes do Partido Popular da comarca que a solucionar as demandas históricas dos veciños do Salnés".
CIG Saúde engade que os recortes na contratación de profesionais en Atención Primaria "dispararon as listas de espera este verán" e que a esta situación hai que engadir a falta de inversións no mantemento dos edificios e no equipamento.
A intención da xerencia de impor as tan controvertidas unidades de Xestión Clínica, "paralizadas grazas a presión dos profesionais, foi un capitulo máis nas xa de por si moi deterioradas relacións laborais".
O servizo de loxística deixou de ser público para pasar a mans privadas, citan dende a central nacionalista, e ademáis, consolidase o peche de camas "e mesmo se amplía no tempo" e a pesar das promesas da xerencia de reducir as peonadas, "lonxe estamos de conseguilo".
A estas denuncias CIG-Saúde engade a negativa a informar sobre as chamadas listas non estruturais, é dicir sobre aqueles pacientes que por motivos "pouco claros" non son incluídos nas listas de espera estruturais, "o que permite ás xerencias ocultar a verdadeira realidade das listas de espera". Esa "falta de transparencia" na xestión das listas, "e o seu uso partidista, réstalle credibilidade ás listas de espera publicadas, e xustifican a nosa desconfianza sobre a realidade das listas na área de Pontevedra e Salnés".
A cobertura de vacantes por xubilacións, ausencias e baixas "está a provocar a perda paulatina de postos de traballo" na sanidade pública en Pontevedra. Segundo a CIG os recortes tamén afectaron moi negativamente este último ano ás listas de contratación. A isto hai que sumar a "mala xestión", por parte da administración, das listas de contratación "intentando responsabilizar desta situación á parte social". Recortes aparte os traballadores do CHOP perderon un servizo de transporte público que viña a funcionar desde Marín a Montecelo.
E finalmente CIG-Saúde inclúe a decisión desta xerencia de apostar por Monte Carrasco, que entenden é unha "mala noticia" para traballadores e usuarios da sanidade pública en Pontevedra.