Marín volve facer memoria o 31 de decembro
Por Redacción
Marín volverá facer memoria o vindeiro mércores 31 de decembro. Celebrarase no Paseo Marítimo Antonio Blanco o acto anual da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín en lembranza das persoas "que defenderon a liberdade".
No transcurso do acto, previsto para as 13.00 horas, intervirá o profesor Iago Santos Castroviejo e farase a ofrenda floral en homenaxe e recordo dos veciños vítimas do chamado Alzamento Nacional, do que a asociación lembra que tratou de desmantelar o sistema democrático iniciado coa Segunda República. O toque musical darano as actuacións do cantautor Samu Acuña e do gaiteiro Felipe Rea.
Dende a Asociación pola Recuperación da Recuperación da Memoria Histórica de Marín queren render homenaxe aos marinenses executados por defender as liberdades e mellorar as condicións de vida da clase traballadora, como os mariñeiros Amable Soto González, Manuel García González (Apache), Eugenio Dopazo Calviño, Daniel Pereira Figueroa, Manuel Gil García, José Barreiro Núñez, Ignacio Domínguez Abal, Eugenio González Veiga, Juan Domínguez Tourón e Santiago García Area. Forman parte do colectivo máis numeroso e perseguido da vila, sufrindo directa e cruelmente as consecuencias do golpe militar.