O novo ano chegará unha vez máis doce horas antes a Vilagarcía
Por Redacción
Vilagarcía adianta unha vez máis a chegada do novo ano e recibirá 2015 doce horas antes coa xa habitual Festa das Uvas prevista para as 12.00 horas do mércores 31 de decembro na Praza de Ravella, que cada ano congrega a milleiros de persoas.
O novo ano adiantado celebrarase tomando as tradicionais 12 uvas ao ritmo das badaladas do reloxo do Concello no transcurso dunha festa que a Concellería de Xuventude xa ten preparada. Non faltará ningún dos ingredientes necesarios para dar a benvida ao 2015 como manda a tradición: con uvas, cava e música. E para os máis cativos, gominolas para substituír ao froito da vide.
A Praza de Ravella engalanarase con bandeirolas conmemorativa da Festa das Uvas, e, como de costume, a organización encargarase de repartir entre os asistentes as uvas, o cava e as gominolas.
O ambiente musical porao A Duendenta, que empezará a crear o clima festivo ó redor das 11:30 da mañá. A esa hora tamén comezará o reparto das uvas e do cava nos dous mostradores que se habilitarán na Praza (un diante do Concello e outro no xardín de Ravella. O animador da Duendeneta será o encargado de presentar e dirixir a festa, e de "preparar" aos presentes para o ensaio xeral da toma das uvas ao mediodía, cando o reloxo do Concello, repique para facer soar as doce horas.
O ambiente irá increscendo ata ás doce menos dez, cando o animador comezará a explicar a mecánica para a toma das uvas, a efectos de que ninguén se trabuque os cuartos coas doce badaladas de mediodía. A continuación e ao ritmo das badaladas do reloxo do Concello, os asistentes irán tomando as 12 uvas para rematar co tradicional brindes co que se dará a benvida a 2015.