O Colexio de Médicos considera "inaceptables" as demoras na dispensa de 'Sovaldi'
Por Redacción
O Colexio de Médicos de Pontevedra considera "inaceptable" as demoras que se están a producir na autorización dos tratamentos con Sovaldi para pacientes con Hepatite C crónica.
O 1 de setembro deste ano, este colexio posicionouse instando ás autoridades sanitarias do Ministerio de Sanidade ao uso do Sofosbuvir (Sovaldi) en pacientes con Hepatite C en situación clínica grave e independentemente dos supostos establecidos pola AEMPS para uso compasivo.
O pasado 24 de setembro, o Ministerio de Sanidade anunciou que se alcanzara un principio de acordo co laboratorio fabricante dun dos medicamentos antivirais de acción directa de segunda xeración utilizados para tratar a Hepatite C Sovaldi (sofosbuvir) para incluír este fármaco no financiamento público, e asegurar así que "está disposición dos médicos para prescribilo aos pacientes que o necesiten".
Non obstante, e dende que un medicamento é autorizado e entra no financiamento público ata que está dispoñible polos equipos médicos para o seu uso clínico, "poden pasar moitos meses xerando inequidades".
Entre outras causas citan a excesiva burocracia froito da descentralización autonómica, as posibilidades de financiamento en cada Comunidade Autónoma e os requisitos que establezan dentro das súas competencias as Comisións Autonómicas Farmacoterapéuticas. Estas causas a xuízo do colexio "veñen acontecendo na Comunidade Autónoma de Galicia e xeran preocupación e inquietude nos pacientes e desasosego nos profesionais responsables dos seus tratamentos".
Dende esta institución colexial solicítase dos responsables sanitarios de Galicia, a Consellería de Sanidade, "que se arbitre un procedemento de transparencia" na xestión das solicitudes cursadas e que se axilice o acceso aos referidos tratamentos con Sofosbuvir, "sempre baixo criterio facultativo e segundo os esquemas terapéuticos" incluíndo as asociacións que os profesionais médicos establezan nas guías de práctica clínica.
Relacionadas:
-
A Corporación provincial pide medicinas contra a hepatite C
Por Oskar Viéitez |
-
Médicos e doentes piden á Sanidade que dispense os tratamentos de Hepatite C solicitados polos especialistas
Por Redacción |
-
Os socialistas impulsan mocións pedindo os novos medicamentos para os enfermos da hepatite C
Por Redacción |
-
"Eles ven o seu negocio, pero a min estanme restando días de vida"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Arte para dar voz á hepatite C, a enfermidade silenciosa
Por Redacción |
-
Os médicos de Pontevedra instan a "buscar unha rápida solución" os pacientes con hepatite C crónica
Por Redacción |