Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres preparan un plan de mellora das súas pistas forestais
Por Redacción
A xunta reitora da comunidade de montes de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa, que preside César Blanco, anunciou que acometerá un plan de mellora integral en varias pistas forestais pola súa importancia para a xestión forestal e para actuar en caso de incendio.
"E está prevista a corta dos pés de eucalipto e piñeiro existentes na franxa de dous metros a ambos lados de todas as infraestruturas viarias, dando así cumprimento á lei de prevención de incendios de Galicia", sinalan.
Ao longo do 2015 os traballos iniciaranse nas dúas pistas de acceso ás parcelas de Castiñeiras dende os lugares de Vilar e Monte Cabalo. Entre outras medidas mellorarase o firme para facilitar o tránsito de vehículos autorizados e para iso utilizarase o material de zahorra dunha escavación que realiza a empresa de Conservas Acuña (CONNORSA), moi preto do monte comunal, e que xa traballa na súa ampliación.
"Por outra banda, a Xunta Reitora encargou a redacción dun proxecto de mellora paisaxística do monte da Craveira, coa intención de adecentar os recheos que se levaron a cabo anos atrás e que teñen un impacto visual considerable". Ademais a elevada inclinación dos noiros impide as tarefas de silvicultura, tanto manuais coma mecánicas.
Este plan someterase á aprobación da asemblea o próximo mes de xaneiro.