Suplican entre bágoas "máis seguridade" na estrada entre Pontevedra e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Os fillos de Ana María Gómez, a última vítima mortal rexistrada na PO-308, encabezaron este venres unha emotiva marcha na que participaron unhas trescentas persoas para esixir máis seguridade neste vial que comunica Pontevedra e Sanxenxo pola costa.
Azucena Rodas, filla da falecida, recordou que Ana formaba parte do colectivo veciñal que dende hai anos demanda melloras nesta estrada de titularidade da Xunta. Unha loita que arrincou cando "hai anos un coche se encaixou e chegou ata o salón da nosa casa", e que se viu fatalmente truncada o pasado 24 de novembro cando esta muller foi atropelada no lugar de Fontoira, por un coche que invadiu a beiravía.
Os seus fillos prometeron tomar o relevo da súa nai, "una luchadora", e esforzarse para que a súa morte sexa a última que se cobra este vial pegado ás casas e polo que transitan uns 20.000 vehículos ao día.
A mobilización veciñal percorreu a distancia que separa a gasoliñeira de Raxó co lugar do suceso onde a nai da falecida sufriu unha crise nerviosa, tras poñerse a berrar esixindo xustiza para a súa filla.
Despois de soar un fragmento da canción Negra Sombra, Azucena leu un comunicado no que prometeu "acabar con lo que mi madre no pudo, con la sangría de esta carretera", dixo.
Ao remate da concentración Azucena e un dos seus tíos encaráronse co alcalde de Poio, Luciano Sobral, ao que lle reprocharon que o Concello non constrúa máis beirarrúas nesta estrada de competencia autonómica. O rexedor nacionalista escoitou as súas críticas en silencio.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reclama á Xunta o arranxo "urxente" dos sucos e fochancas da PO-308
Por Redacción |
-
O concello de Poio priorizará os tramos da PO-308 para que a Xunta os reforme
Por Oskar Viéitez |
-
Instan á Xunta a asumir as expropiacións necesarias para a urbanización da PO-308
Por Redacción |
-
Poio terá que esperar pola reforma da PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Perde o control do vehículo e impacta contra unha furgoneta na Avenida Porteliña
Por Redacción |
-
Poio reactiva as mobilizacións para reclamar seguridade na PO-308
Por Redacción |
-
Falece unha muller atropelada por un turismo en Poio
Por Redacción |