Os recortes chegan á estación de tren de Pontevedra: son "inxustos e inaceptables", di o Concello
Por Redacción
A decisión do Ministerio de Fomento e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para recortar o proxecto da futura estación do tren de alta velocidade de Pontevedra é "un novo novo golpe do Partido Popular á cidade e aos pontevedreses". Así cualifica o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, a decisión de aparcar o proxecto de reforma da estación pontevedresa.
O Concello de Pontevedra, segundo traslada o edil socialista, considera "moi inxusto e completamente inaceptable" que Pontevedra vexa reducido un proxecto que, dende o primeiro momento, "estivo caracterizado pola racionalidade técnica e económica". Consistía na adaptación da praia de vías, a instalación dunha marquesiña fronte ao edificio principal, a ampliación do aparcamento e a construción dun paso soterrado peonil ata a estación de autobuses, "e agora vanse adaptar as vías e pouco máis".
Louro recorda que o Concello e os antigos responsables do Ministerio de Fomento sempre defenderon unha "actuación branda" baseada no reforzamento da capacidade de aparcamento e a permeabilización peonil entre as estacións de trens e autobuses. Fronte a iso, "o Partido Popular local apostou un proxecto grandioso, baseado nunha macroestación soterrada completamente nova, con dotacións hoteleiras, recreativas e financiada con plusvalías urbanísticas".
Tratábase, dixo o concelleiro de Urbanismo, dun gran boulevard sobre as vías e de investimentos "oníricos", que superaban os 50 millóns de euros. "Un modelo asentado sobre o boom do ladrillo, unha auténtica ensoñación", que recibiu o apoio expreso de Ana Pastor, Alberto Núñez Feijoo e Agustín Hernández.
"Resulta inaceptable que Pontevedra poda agora verse privada das súas lexítimas aspiracións para unha reconversión da estación ben medida e axeitada, unha obra cun custo razoable, adaptada ás necesidades e aos tempos", lamenta Louro. "Unha obra que fuxía dos luxos e adornos doutros proxectos similares e que, precisamente por iso, foi desprezada polo Partido Popular".
Ante esta situación, o grupo municipal socialista presentará unha moción no próximo Pleno municipal para esixir de Fomento e o ADIF que Pontevedra "non se vexa castigada polo Partido Popular, que primeiro prometeu obras faraónicas como gancho electoral e agora pretende mutilar un proxecto realista e barato para acabar equiparando a Pontevedra cun simple apeadeiro".