Moda, doces e solidariedade únense este Nadal en Lagasca Vintage
Por Redacción
Ser solidario ten premio este Nadal na concept store Lagasca Vintage da rúa Sarmiento de Pontevedra. Todas as persoas que contribúan a encher as maletas solidarias que se habilitaron na tenda cun pequeno lote de doces de Nadal terán un desconto de 5 euros na súa compra.
O desconto aplicarase a todas as compras que teñan un valor igual ou superior a 5 euros, pero en compras superiores a 100 euros, o desconto ofrecido será dun 10%. Ademais, Lagasca Vintage entregará a súa particular maleta para axudar a colectivos como o grupo solidario 'Ya no lo necesito... ¿lo quieres?' seguindo o costume adoptado desde a súa apertura en febreiro de 2013.
Toda a solidariedade que se acumule a través desta iniciativa terá como beneficiario o albergue Calor y Café, especializado en atender a persoas en risco de exclusión social e sen recursos suficientes e xestionado pola asociación San Vicente de Paúl. Integrado na iniciativa RedeAxuda, o albergue ofrece cama, ceas e almorzos na rúa Casimiro Gómez.
A campaña púxose en marcha este luns 15 de decembro e concluirá o 5 de xaneiro e, segundo as propietarias de Lagasca, persegue a finalidade de que as persoas usuarias deste servizo poidan "volver vivir en moitos casos, e polo menos por uns días, a dulzura destas festas".
Esta é a primeira campaña de cooperación en Nadal de Lagasca Vintage, un establecemento dedicado á moda e decoración vintage que ofrece exclusividade low cost. As súas propietarias, Mercedes García-Nieto e Mercedes Escauriaza, queren tender unha ponte de colaboración" coas persoas menos favorecidas para axudalas a "minimizar no posible a dureza que supón pasar estas festas nun ambiente de mera supervivencia".
Mercedes García-Nieto e Mercedes Escauriaza fan súa a frase de Coco Chanel "a moda non é algo que existe nos vestidos, está no ceo, na rúa, ten que ver coas ideas, a forma en que vivimos, o que está sucedendo".
Relacionadas:
-
A colección de roupa dunha alumna de Esdemga exponse no local de Lagasca Vintage
Por Redacción |
-
Os alumnos de Esdemga estrenarán pasarela: Lagasca Vintage
Por Redacción |
-
Teatro e moda dos anos 70 van da man en Pontevedra
Por Redacción |
-
Lagasca Vintage abre o primeiro estudo concept store en Pontevedra
Por Redacción |