Antón Louro critica o "electoralismo barato" do PP local

Por Redacción
O voceiro do grupo municipal Socialista, Antón Louro, afirmou que "o electoralismo máis barato" é o único que hai detrás do recente anuncio por parte do grupo municipal do PP de presentar unha moción ao Pleno do Concello para reclamar do Ministerio de Fomento a licitación das obras da A-57 para o tramo entre Vilaboa e o nó da Ermida .
Louro indicou que os populares pontevedreses, "que sempre se teñen caracterizado por mirar para outro lado cando os Orzamentos estatais e autonómicos discriminan a Pontevedra, disfrázanse agora de defensores da cidade reclamando unha licitación que, simplemente, cae de madura ".
Antón Louro lémbralle ao PP que os 25 millóns de euros reservados están aínda moi lonxe dos 94,5 millóns de euros que custará tan só este tramo da circunvalación. E faltan por licitar as obras correspondentes ao resto dos tramos. "A este ritmo inversor, a circunvalación non será unha realidade ata dentro de varias décadas".
Louro adianta que o grupo socialista presentará unha proposta de emenda á moción do PP para que o Ministerio de Fomento tamén licite outras actuacións pendentes en Pontevedra, como a urbanización da estrada de Ourense (N-541), a reforma do nó de Bombeiros ou a construción da vía verde sobre a vía férrea do Eixo Atlántico, compromiso este adquirido formalmente pola ministra Ana Pastor na súa visita á estación do pasado mes de agosto. Daquela, Pastor indicou que estaba a traballar conxuntamente coa Deputación para a execución desta obra.
Os avances nas infraestruturas de Pontevedra derivan de dous grandes acordos alcanzados polo Concello co anterior Goberno de España: o convenio co Ministerio de Fomento e o convenio con Acuaes.
Polo tanto, Louro recoméndalle ao PP "menos trunfalismo, menos demagoxia electoralista e máis execución do comprometido".
Relacionadas:
-
Pontevedra urxe a Fomento unha pronta licitación do tramo da A-57 entre Vilaboa e A Ermida
Por Diego Espiño |
-
O PP mételle presa a Ana Pastor para que proceda á inmediata licitación do tramo Vilaboa-A Ermida da A-57
Por Oskar Viéitez |
-
Rexeitan a rebaixa fiscal do PP, cualificada como "populista" e "pouco rigorosa" polo goberno municipal
Por Alejandro Espiño |