"Isto non é amor"
Por Natalia Puga
Contrólate, ameázate, é posesivo.... Cando nunha relación de parella a outra persoa adopta actitudes de control, violencia ou posesión, "iso non é amor". A mensaxe téñeno claro os alumnos de Educación Secundaria Obligatoria (ESO) dos institutos Sánchez Cantón, A Xunqueira 1 e A Xunqueira 2 que participaron na primeira fase do programa municipal 'Namorando'. Non vían con tanta claridade o concepto antes de participar nas sesións, pero a intervención que se realizou a través de contos, películas ou cancións conseguiu cambiar concepcións erróneas ao redor das relacións de parella.
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, presentou o resultado da primeira fase do programa, na que participaron 211 alumnos de Cuarto de ESO, e avanzou que no segundo trimestre deste curso escolar o traballo realizarase con estudantes de Educación Primaria, que viven xa as primeiras relacións de parella e a aparición das primeiras sensacións e emocións amorosas cara a unha segunda persoa do mesmo ou distinto sexo.
Coa xente nova "hai moito por facer" para intentar chegar ao obxectivo de 'Namorando' de xerar "unha sociedade menos violenta e máis igualitaria". Fouces destaca a importancia de traballar no ámbito da prevención para acabar coa violencia e coas igualdades e vaticinou que este programa "vai dar moito de si".
Os resultados da primeira fase deixaron claro que aínda hai moito camiño por andar, en especial, no traballo cos máis novos de sexo feminino, pois, como concluíu Fouces, "as mulleres témolo moito máis claro". E é que, segundo a psicóloga Jone Ojeda, responsable do programa, "hai unha diferencia significativa por xéneros" en canto ás crenzas erróneas que existen sobre as relacións de parella. "Os mitos sobre o amor romántico están moito máis arraigados nos rapaces que nas rapazas", sostén.
As mulleres son "as que mellor identifican a violencia psicóloxica" dentro da parella, que en demasiadas ocasións acaba en violencia física e tamén quen menos mitificado teñen conceptos como o da media laranxa.
"Para min o conto da media laranxa non existe" ou "eu prefiro unha maza, que é máis dura" son algunhas das frases que repiten as alumnas dos institutos pontevedreses nun video creado por El Espejo Mágico Producciones como resumo do programa. Nas sesións de 'Namorando' recollidas nesta peza audiovisual os escolares chegaron á conclusión de que se a túa parella confía en ti, te respecta, te escoita... "iso si é amor". As conclusións, iso si, son moito máis halagüeñas trala intervención realizada polos profesionais do programa municipal.
Relacionadas:
-
Escolares pontevedreses reflexionan sobre o amor, os prexuizos e os estereotipos
Por Redacción |
-
Chega San Valentín. Atención: Non é amor, é machismo
Por Redacción |
-
E ti, es un 'princesiño' ou unha 'principiña'?
Por Alejandro Espiño |
-
'Namorando' axudará a alumnos de Primaria e Secundaria a manter relacións de parella sas
Por Natalia Puga |