O festival benéfico Marín Canta recollerá alimentos para catro entidades sociais
Por Redacción
Marín volve cantar a beneficio de entidades sociais do municipio. O próximo 20 de decembro, o Multiúsos da Praza de Abastos de Marín acollerá a terceira edición do festival benéfico Marín Canta, organizado pola Asociación Amigos dos Rapaces e que conta coa colaboración do Concello de Marín, a través da concellaría de Cultura.
O festival será este ano para axudar a catro asociacións: Cáritas, Amenac, Grupo Sor Elvira e SOS Marín.
Estará presentado por Tesi Landín e nel participarán Humor de Somoza, Chaneiras, Mar García, Pandereteiras Leitaregas, Paula Gago, Mary Iglesias e Laura, Yanes Marca, Salghariteiros, o Trío de Acordeóns Suso Manolo Buo e Ramón, Joselito, o grupo Chicken Die on Friday, o dúo Sara e Sofía, Toñito, Nenos Amigos dos Rapaces e Marcos Acuña.
Os organizadores solicitan que cada asistente leve un quilo de alimentos non perecedoiros.
Todos aqueles que non poidan acudir ao festival, pero aínda así queiran colaborar, poden facelo levando a súa doazón a Enmarcaciones Pesqueira, un establecemento comercial situado na rúa Lameira.