A tentación vive arriba, volven ao Mercado os doces de convento
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O segundo piso do Mercado de Abastos de Pontevedra acolle dende este mércores día 10 e ata o 20 de decembro a segunda edición da "Feira de doces de Convento". Esta iniciativa ten como obxectivo a promoción de produtos típicos vinculados aos cenobios católicos.
Trátase dunha iniciativa da empresa ExpoConvento que chega a Pontevedra da man da Concellaría de Promoción Económica, que busca dinamizar a actividade da Praza.
A concelleira Carlota Román destacou o éxito do ano pasado. Unha experiencia, engadiu, que serviu para demostrar que a Praza de Abastos ten potencialidade para atraer público, tamén en horario vespertino. Daquela, as vendas achegáronse aos 7.000 euros con máis de 1.000 produtos vendidos e a feira chegou a padecer importantes aglomeracións de público, superando todas as expectativas.
A feira mostra unha variada representación das elaboracións de produtos tal como perviven en vintedous mosteiros. Algúns destes doces non se venden fóra dos conventos.
En total hai uns 70 produtos e creacións distintas con prezos variables dende os 3 ata chegar aos 13 euros que custan as caixas das Xemas de San Leandro ou os Bocaditos de Almendras e Piñóns, os que son máis caros.
Esta Feira estará aberta en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas
Ademais pódense encontrar Bólas, louras e pastas de nata do mosteiro pontevedrés de Trasmañó; Amendoados do Mosteiro de San Bieito de Cuntis, Torta Real, turróns 'amarguiños' e 'cordiais' do Mosteiro de Santa María de Valdeflores da localidade lucense de Viveiro; ou Amendoados do Mosteiro de San Paio de Antealtares e Pastas de Té do de Santa María de Belvís, ambos os dous en Santiago de Compostela.
Entre os conventos participantes, ademais dos galegos, están as Clarisas de Málaga e de Sevilla, Las Agustinas tamén de Sevilla, Trinitarias de Toledo e as Carmelitas de Oviedo, que contribúen á feira coas súas delicias de xema, bocaditos árabes, perlitas de licor, dátiles recheos, bágoas do desterro ou múltiples variedades de turróns e mazapáns.
Segundo os organizadores da feira este evento organízase sen ningún interese lucrativo, posto que os prezos dos produtos son os mesmos que se se adquirisen nos tornos dos conventos de orixe. Aseguran que é un bo xeito de axudar economicamente aos conventos e mosteiros que envían os seus produtos.
Esta Feira estará aberta en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas.