Os xoguetes máis populares desde o século XIX, xuntos nunha mostra no Edificio Sarmiento
Por Redacción
O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra converterase a partir do venres 12 de decembro no gran escaparate do xoguete español, desde 1880 ata os nosos días. Farao coa mostra O Xoguete español. Un século de historia, no que se poderán ver os máis significativos xogos e xoguetes utilizados en España desde o século XIX.
Nela, o visitante non só poderá coñecer á evolución dos elementos de entretemento dos nenos e nenas ao longo do tempo, senón que tamén lles permitirá achegarse a unha parte da historia contemporánea de España, dado que o mundo do xogo está estreitamente vinculado aos cambios sociais, económicos, técnicos, culturais e incluso políticos das diferentes fases históricas.
Así, os coches de xoguete adoitan reproducir modelos reais de cada época e os dioramas representan os principais recintos sociais, construcións, establecementos do momento; do mesmo xeito que os bonecos e bonecas transmiten modelos de comportamento, vestimenta ou oficios.
A nova mostra segue a estela da inaugurada o 11 de abril deste ano para conmemorar os 130 anos da chegada do ferrocarril a Pontevedra que, baixo o nome Historia do tren de xoguete español, achegou aos pontevedreses e visitantes os máis diversos xoguetes vinculados ao mundo ferroviario desde 1880 a 1980.
Ao igual que esta mostra, a que agora se inaugura procede tamén da colección privada Quiroga-Monte, recoñecida como unha das máis amplas e de mellor calidade de cantas existen en España. Conta con máis de 1.500 pezas, das cales unha moi boa representación se poderá contemplar no Edificio Sarmiento.
A mostra incluirá vehículos de xoguete que reproducen os modelos de cada época, (coches e camións, trens, barcos, avións, dirixibles, hidroavións, helicópteros, vehículos espaciais), cociñas que reproducían con fidelidade os prototipos dos fogares españois do momento, bonecas e bonecos cos que se poden coñecer os vestidos infantís máis característicos, dioramas e xogos de mesa.