Bota a andar o programa "Empregamarin"
Por Redacción
Por primeira vez desenrólase o programa "empregamarin", dirixido á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego.
Contempla a posta en marcha dun plan integral que combinará accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade xeográfica ou formación para a igualdade.
No programa formaranse profesionais en mantemento de embarcacións semirríxidas, reparacións mixtas composites-madeira, operacións básicas de restaurante e bar e caixeiro-repoñedor.
O alumnado participante no curso de caixeiro repoñedor finalizou a acción formativa e deu comezo ao período de prácticas, que terán unha duración de 70 horas.
Os alumnos participantes na devandita acción formativa, un total de quince persoas, foron formados para obter unha capacitación no manexo dos terminais de caixa e puntos de venda; procedementos de cobro e pago; manipulación de alimentos e prevención de riscos laborais.
A finalidade última do programa integrado de emprego Empregamarín é posibilitar a integración laboral de persoas demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.
Este programa está coordinado polo concelleiro de Urbanismo e Facenda, Manuel Santos e polo concelleiro de Novas Tecnoloxías e empresa, Ramiro Gestido, sendo xestionado polo axente de emprego e desenvolvemento local de Marín, Alfredo Montero.