Impulsan na cidade de Pontevedra un "ambicioso" programa municipal de voluntariado
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra pon en marcha un "ambicioso" programa municipal de voluntariado. Así o describiu na súa presentación a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces. Tras a experiencia acumulada, entre outros aspectos, na organización de probas deportivas, o goberno municipal aposta por ampliar esta iniciativa a outros ámbitos sociais que necesiten a participación de voluntarios.
A ordenanza que regulará este programa xa está vixente, despois de ser aprobada pola Xunta de Goberno e, posteriormente, por unanimidade no Pleno municipal.
Os participantes neste programa de voluntariado estarán cubertos por un seguro municipal e serán repartidos en grupos, en función dos intereses persoais de cada un.
En principio, requiriranse voluntarios para o ámbito cultural (patrimonio, difusión cultural ou procesos creativos), o deportivo, o ambiental (limpezas de espazos naturais ou promoción da reciclaxe), o intercultural (programas de acollida, alfabetización ou loita contra o racismo), o internacional ou o social (servizos sociocomunitarios, atención a dependentes, muller e igualdade, menores, ou minorías étnicas).
Precisamente, a Rede Axuda e a próxima campaña de Nadal servirán como proxecto piloto para probar o funcionamento deste programa municipal de voluntariado, segundo avanzou Carmen Fouces. A partir de aí, iranse poñendo en marcha o resto dos ámbitos do voluntariado, traballando nunha óptima coordinación deste grupo de traballo multidisciplinar.
Todos os interesados en ser voluntarios nos programas e iniciativas municipais poderán inscribirse acudindo fisicamente á Casa Azul, chamando ao teléfono 986 804300 ou enviando un correo electrónico a pgonzalez@pontevedra.eu. Serán convocados a unha charla informativa e, posteriormente, recibirán unha pequena formación. A partir de aí, chamaráselles cada vez que se necesiten voluntarios.
"Vai a dar moito de si este programa", explicou a concelleira nacionalista, que avanzou que nun futuro esperan que estes voluntarios poidan, por exemplo, tarefas de acompañamento a persoas maiores ou dependentes para que, en función do tempo que teñan dispoñibles e do seu coñecemento dos "instrumentos administrativos" do Concello poidan axudar aos integrantes destes colectivos.