Novos peches de negocios en San Antoniño: "Esta calle se muere"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Hai unhas semanas botou o peche o bar 'Sándalo'. Nos últimos días foi a quenda a tenda de produtos brasileiros 'Pois Pois'. A finais deste mes pechará a papelaría 'Cositas'. En breve tocaralle despedirse dos seus clientes á zapataría. Son catro negocios en apenas un par de meses, pero non son os únicos. Nos últimos tempos é raro o mes que non se encontra un cartel de 'Se Alquila' 'Se Vende', 'Liquidación por cierre' ou 'Se Traspasa' nun negocio desta rúa e os veciños e comerciantes mostran a súa preocupación. "Esta calle se muere", resume unha veterana comerciante, Tere, unha das máis antigas da rúa San Antoniño.
A propetaria da papelaría 'Cositas' leva xa semanas con todo o seu stock en liquidación por peche. Os carteis pegados no seu escaparate non deixan lugar a dúbidas e no interior ten libros, estoxos, mochilas, bolìgrafos, crebacabezas e un longo etcétera de material con grandes descontos. Por que tomou esa determinación? Ela non ten ningunha dúbida: "no da, no cubrimos ni gastos".
Leva co seu negocio aberto dez anos e nunca pasara unha mala rancha tan prolongada de malas vendas. Tan malas que non conseguiu aguntar aberta e o 28 de decembro será o último día que venda a prensa aos seus clientes fieis do barrio.
A crise económica está detrás desta situación, "la gente no tiene dinero y no compra", interpreta esta comerciante. Pero non é a única razón, a situación global da rúa é cada vez de menor vida comercial e ao final entra nunha dinámica difícil de parar. Así o interpreta un dos comerciantes: Cada vez hai menos comercios e, ao haber menos, os clientes teñen menos motivos para ir á rúa, non gastan e teñen que pechar máis.
"La gente ya no viene por aquí, ya no pasan por San Antoniño para nada"
A dona da carnizaría está farta xa de que os outros comerciantes cheguen e lle anuncien que pecha e laméntase de que"por aquí abajo ya quedamos yo y poco más". Dende a perspectiva que lle dá levar décadas co seu negocio aberto en San Antoniño, valora que "los aparcamientos influyen mucho", pois toda a rúa está reservada a 'carga e descarga' ou 'servizos' e non se pode aparcar libremente. Outra razón encóntraa na iluminación: "a partir de las seis de la tarde ya no hay luz y da miedo venir por aquí". Pero a causa fundamental é que "la gente ya no viene por aquí, ya no pasan por San Antoniño para nada".
Os poucos comerciantes que quedan e os veciños da rúa urxen a busca de solucións para que San Antoniño recupere a vida e a actividade comercial que tiña fai non tantos anos.
ACLARACIÿN.- Inicialmente, nesta reportaxe informábamos por un erro do peche do negocio coñecido como The Gallery Sex. O propietario do establecemento aclara que a tenda seguirá aberta e que non pensa pechar, como así apuntaban algunhas fontes.