Detido por inxuriar á Policía no Facebook a raíz do atraco cunha axente morta en Vigo
Por Natalia Puga
Un veciño de Vilanova de Arousa de 51 anos foi detido este luns por un delito de aldraxes a través das redes sociais polos comentarios inxuriosos que publicou no Facebook a raíz do atraco e tiroteo no que faleceu a oficial da Policía Nacional Vanessa María Lage Carreira en Vigo.
"Los únicos polis buenos son los ke se van muriendo", publicou literalmente o home na súa conta persoal do Facebook. Por estes comentarios e outros de índole inxuriosa, a Garda Civil de Pontevedra detívoo este luns 1 de decembro e, tras tomarlle declaración e imputarlle o citado delito, deixouno en liberdade con cargos.
O comentario realizouno ao fío da noticia do atraco da sucursal de Abanca na rúa Doutor Carracido de Vigo no que morreron a oficial da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Comisaría de Vigo Vanessa Lage e o atracador que a tiroteou, Enrique Lago Fariñas 'O Escaiolista' e no que ademais resultou ferido de gravidade o subinspector da Policía Nacional Vicente Alló Barona e sufriu feridas máis leves a subdirectora da sucursal bancaria á que o atracado collera como refén.
Comentou: "los ke kedan son peor ke los piojos de las ratas de alcantarillado"
O detido engadiu que "los ke kedan son peor ke los piojos de las ratas de alcantarillado, están todos metidos en la corrupción hasta el cuello...", comentarios todos eles considerados inxuriosos cara ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Un xulgado de Vilagarcía fíxose cargo da investigación e o detido, de iniciais J.A.N.F., será chamado a declarar durante a instrución do procedemento. Este veciño de Vilanova ten antecedentes policiais por delitos de roubo e tenza e consumo de drogas.
Relacionadas:
-
Sindicatos policiais critican a entrega de chalecos antibalas "con arranxos tipo Pepe Gotera e Otilio"
Por Redacción |
-
"Decepción" entre os sindicatos policiais pola "maquillaxe" da repartición de chalecos antibalas
Por Oskar Viéitez |
-
Só o 20% dos policías da Comisaría de Pontevedra teñen chaleco antibalas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Bandeira a media hasta para recordar a Vanessa, unha policía "muy activa y solidaria"
Por Natalia Puga |
-
A policía falecida nun tiroteo cun atracador en Vigo residía en Pontevedra
Por Natalia Puga |