O Concello aforrará máis de 600.000 euros tras renegociar créditos pendentes de pagamento
Por Alejandro Espiño
Un total de 617.950,51 euros. ÿ a cantidade que aforrará en xuros o Concello de Pontevedra tras a renegociación que levou a cabo con tres entidades, Caixabank, BBVA e Abanca. Así o explicou este luns o concelleiro de Facenda, Raimundo González.
En concreto, o goberno municipal destinará 1.052.000 euros para saldar o crédito que estaba pendente de pagamento con Abanca, que era o que, tras a renegociación dos devanditos créditos, quedou cun tipo de xuro máis alto.
Os outros dous manteranse cun tipo de xuro moito máis alcanzable para os intereses municipais. O asinado con Caixabank, dun millón de euros, tiña uns xuros do 4,48% máis o Euribor trimestral; mentres que o do BBVA, que alcanzaba os 2.450.000 euros, era cuns xuros do 4,09% máis o mesmo Euribor trimestral. Agora, estas porcentaxes reducíronse en ambos os dous casos ata o 1,90%.
Iso supón que, no primeiro dos casos, os intereses a pagar se reducisen en 198.263,50 euros; mentres que o crédito do BBVA viu minguado a cifra de xuros en 419.687,01 euros.
OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou este luns a prórroga do contrato de xestión do Local de Música, que está adxudicado á empresa Xeneme por un valor de 71.511,39 euros; así como a entrega das chaves das antigas vivendas dos conserxes dos colexios Marcos da Portela e Parada (Campañó), cuxas instalacións pasarán a estar dedicadas a cuestións de ámbito educativo.